PLENO

Apróbase a iniciativa do BNG para conseguir a liña do transporte urbano e as melloras do aparcamento e accesibilidade na Almáciga

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi

Luz verde á moción do BNG para presentar alegacións contra o proxecto da liña de alta tensión no espazo natural do Souto

Apróbase a iniciativa do BNG para conseguir a liña do transporte urbano e as melloras do aparcamento e accesibilidade na Almáciga

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2022.- O BNG conseguiu aprobar unha iniciativa, xurdida dun encontro coa veciñanza da Almáciga, para a reordenación do tráfico e das zonas de aparcadoiro, ademais de dotar unha liña de autobús urbano á rúa Proxecto Vagalume para a mellora da accesibilidade e dos desprazamentos. Tamén se aprobou que o Concello de Santiago estude a proposta de instalar ramplas, ascensores ou escaleiras mecánicas, como noutros lugares da cidade, para comunicar o barrio da Almáciga coa Cidade histórica. Aprobouse cos votos a favor de BNG, CA e PP e mais a abstención do PSOE.

A veciñanza da Almáciga leva anos a demandar a reurbanización das rúas do Pino, de Touro e de Teo, entre outras, co fin de reordenar o tráfico, habilitar novas zonas de aparcadoiro e estudar a posibilidade de facilitar o tránsito de vehículos de dobre dirección na rúa do Pino. Para iso, unha posíbel solución, é a conversión das terrazas interiores situadas entre edificios en zonas de aparcadoiro, deixando unha delas como espazo de lecer, con acceso de entrada e saída, e co obxectivo de eliminar os vehículos aparcados na rúa do Pino. Deste xeito, tamén queda máis espazo para a circulación dos autobuses.

Entre outras accións, a veciñanza organizouse recentemente para a recollida de máis de 300 sinaturas co fin de reclamarlle ao Concello de Santiago que se inclúa nas liñas do transporte un autobús que percorra o barrio da Almáciga e chegue á súa parte superior, para evitar as fortes pendentes a toda a veciñanza e, en especial, a todas as persoas con problemas de mobilidade. Na zona existen tamén eivas de accesibilidade, para o que reclaman as actuacións necesarias para garantir a autonomía da veciñanza de maior idade, a través do deseño, busca de financiamento e execución de solucións avanzadas como a instalación de ascensores e/ou escaleiras ou ramplas mecánicas. Estas medidas deben acompañarse dun estudo de accesibilidade peonil e de tráfico rodado para automóbiles e bicicletas.

Aprobouse tamén a moción do BNG destinada a presentar alegacións e protexer o espazo natural do Souto, ameazado por un proxecto da liña de alta tensión, promovido por Villar Mir Energía, que pode destruír os valores naturais, patrimoniais e etnográficos do Souto, de non ser modificado. Así, aprobouse que o propio Concello de Santiago presente alegacións, trasladarlle á Xunta o rexeitamento da Corporación municipal a este proxecto promovido por Villar Mir Energía, que cumpra os acordos de xullo e novembro de 2019 para tramitar a declaración do Souto como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) e Espazo Privado de Interese Local (EPIN) e tamén que estude a posibilidade para adquirir as parcelas necesarias mediante unha negociación coas persoas propietarias de terreos para conformar unha área de protección e divulgación natural e patrimonial. Aprobouse por unanimidade, agás eses dous últimos puntos que contaron coa abstención do PSOE.

Apróbase a iniciativa do BNG para conseguir a liña do transporte urbano e as melloras do aparcamento e accesibilidade na Almáciga