AMBIENTE

O BNG presentará alegacións para frear a liña de alta tensión que pode destruír o espazo natural do Souto

Reunión coa Plataforma en Defensa do Sar
Reunión coa Plataforma en Defensa do Sar
A portavoz municipal Goretti Sanmartín, a deputada Iria Carreira e o responsábel local Xesús Domínguez mantiveron un encontro con representantes da Plataforma en Defensa do Sar
O BNG presentará alegacións para frear a liña de alta tensión que pode destruír o espazo natural do Souto

Unha solución pode ser que o trazado desta liña de alta tensión discorra de forma soterrada en paralelo á autovía

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2022.- O BNG presentará alegacións para frear o proxecto da liña de alta tensión que pode destruír o espazo natural do Souto. A portavoz municipal Goretti Sanmartín, a deputada Iria Carreira e o responsábel local do BNG Xesús Domínguez mantiveron un encontro con representantes da Plataforma en Defensa do Sar e trasladárolles as iniciativas que o BNG levará ao Pleno e ao Parlamento para expresarlle á Xunta o rexeitamento a este proxecto promovido por Villar Mir Energía que pode destruír os valores naturais, patrimoniais e etnográficos do Souto, de non ser modificado.

Ademais, o BNG propón que o propio Concello de Santiago presente alegacións, cumpra os acordos de xullo e novembro de 2019 para tramitar a declaración do Souto como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) e Espazo Privado de Interese Local (EPIN) e tamén estude a posibilidade e, de ser o caso, adquira as parcelas necesarias mediante unha negociación coas persoas propietarias de terreos para conformar unha área de protección e divulgación natural e patrimonial.

 

O espazo natural do Souto é unha zona de riqueza patrimonial, natural e paisaxística que se debe preservar como un dos pulmóns de Santiago de Compostela. Porén, o proxecto promovido por Villar Mir Energía, tal como está previsto segundo o anuncio publicado o 22 de agosto de 2022 no DOG, pode provocar danos irreversíbeis cando existen outras solucións alternativas que non agriden este espazo.

 

O Concello de Santiago debe sumarse ás reivindicacións da Plataforma pola recuperación do Sar, un colectivo que leva anos a promover a divulgación dos valores do Souto e a reclamar a súa protección, e proceder a tramitar perante a Xunta a declaración como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) ou Espazo Privado de Interese Natural (EPIN), segundo corresponda; un acordo que foi aprobado en Pleno en xullo e en novembro de 2019. Ademais, en función das súas competencias ambientais, debe presentar alegacións ao proxecto de Villar Mir Energía para salvagardar este espazo.

 

Urxe intervir para frear a destrución deste espazo que ten carballos e castiñeiros centenarios, flora e fauna singulares, ademais de elementos etnográficos e arqueolóxicos. É unha paisaxe conformada durante centos de anos, de enorme valor, e a falta de acción e de sensibilidade do Goberno da Xunta pode causar a súa destrución se permite o paso desa liña de alta tensión por este emprazamento natural, que vai provocar a fragmentación ou ruptura dunha unidade paisaxística existente, un feito que a Comisión europea non permite. Outro dos erros do proxecto sometido a exposición pública é que onde identifican as masas de árbores, onde pon piñeiros en realidade son castiñeiros e carballos.

 

Unha solución pode ser que o trazado desta liña de alta tensión discorra en paralelo á autovía e realizarse de forma soterrada, como fan cando atravesa o Camiño de Santiago, de xeito que cause o menor dano ambiental e impacto visual posíbeis.

 

Ademais, o Concello de Santiago pode pular pola compra dos terreos desa área natural que permanecen en mans privadas para unilos aos terreos públicos e conformar un grande espazo natural e xestionalo de maneira acaída de cara a súa divulgación e protección.

 

O BNG presentará alegacións para frear a liña de alta tensión que pode destruír o espazo natural do Souto