CO CORAZÓN EN COMPOSTELA

Goretti Sanmartín comprométese a incluír as propostas da veciñanza da Peregrina no programa do BNG para mellorar os servizos básicos

Encontro coa asociación veciñal da Peregrina
Encontro coa asociación veciñal da Peregrina

“É intolerábel que non haxa marquesiña para o transporte escolar na Peregrina, é necesario aplicar a receita do BNG de facer política co corazón en Compostela”, afirma

Goretti Sanmartín comprométese a incluír as propostas da veciñanza da Peregrina no programa do BNG para mellorar os servizos básicos

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2022.- Goretti Sanmartín comprometeuse a incluír as propostas da veciñanza da Peregrina no programa do BNG para as eleccións municipais co fin de mellorar os servizos básicos, logo dunha reunión coa directiva da asociación veciñal en que analizaron a situación deste barrio e os problemas de desatención por parte do Goberno local do PSOE en cuestións fundamentais e de escaso custe económico. “É intolerábel que non haxa marquesiña para o transporte escolar na Peregrina, é necesario aplicar a receita do BNG de facer política co corazón en Compostela para mellorar a calidade de vida da veciñanza”, indicou a candidata.

Deste xeito, no relativo á seguranza viaria, demandan pasos de peóns, o arranxo das pistas e a creación de roteiros para pasear pola natureza e visitar lugares de interese. Así, propoñen a restauración de muíños, limpeza e sinalización das marxes do río Sarela ao seu paso pola parroquia da Peregrina, desde o seu nacemento en Pardaces de Arriba até o Romaño. Outras rutas que se poden sinalizar son o acceso ao Monte Pedroso desde as aldeas do Queiroal e Pardaces de Arriba, ademais da ruta dos muíños no río Gatofero na aldea de Bargo, polo seu seu interese etnográfico.

Por outra parte, é necesaria a roza da vexetación nas marxes das principais vías de comunicación da parroquia e a construción de cunetas no vial de Pardaces de Abaixo, que ocasiona problemas de asolagamento en parcelas e vivendas pola falta de canalización das augas. A reposición da sinalización viaria e a instalación de novos paneis para identificar lugares tamén son outras das melloras que propoñen. As marquesiñas están moi deterioradas e hai lugares onde urxe a súa instalación, como a nova rotonda da variante de Aradas que está a ser empregada como parada de autobús escolar. Consideran necesario estender a liña 4 de autobús urbano até esta rotonda, para facilitar a mobilidade das persoas residentes nesa zona.

Ademais, propoñen a dotación dun parque biosaudábel e dunha zona de xogos tradicionais e canastras de baloncesto adaptadas para nenos e nenas no recinto exterior do local social da Peregrina, para a mellora das instalacións deportivas. A todo isto hai que sumarlle o mal estado en que está o local social despois das obras efectuadas, con presenza de humidades, a corrección das deficiencias de accesibilidade e a dotación de elementos para o xogo infantil na súa contorna.

É necesaria unha maior iluminación en diversos puntos da parroquia e a renovación progresiva por lámpadas máis eficientes e de baixo consumo enerxético, para conseguir unha maior visibilidade e un aforro económico.

Sobre os residuos, solicitan que se incremente a frecuencia de recollida xa que na actualidade só teñen este servizo martes e sábado. Tamén consideran fundamental que se renoven os colectores de lixo orgánico, de papel, de plástico e de vidro que se atopan moi deteriorados e a instalación destes modelos de recollida selectiva nos núcleos en que non existen. Solicitan a dotación dun colector de depósito de pilas e de aceite usado para toda a parroquia.

Outra das demandas que o Goberno local debe reclamarlle á Xunta é a dotación da rede de saneamento e abastecemento de auga potábel na maioría dos núcleos desta parroquia, así como realizar o mantemento correspondente das redes de sumidoiros e da estación de bombeo do Queiroal.

 

Goretti Sanmartín comprométese a incluír as propostas da veciñanza da Peregrina no programa do BNG para mellorar os servizos básicos