PLENO
Goretti Sanmartín preséntalle ao reitor da USC unha proposta para conmemorar o centenario do Seminario de Estudos Galegos
“Hai 100 anos Santiago era sede da capital científica dunha Galiza con futuro representada nesa xeración de profesorado e de universitarios e universitarias que iniciaron novas liñas de investigación sobre o país e desde o país”, explica Goretti Sanmartín
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2022.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, mantivo un encontro co reitor da USC, Antón López, para presentarlle unha iniciativa que vai propor no Pleno do Concello que debe contar coa colaboración estreita da Universidade de Santiago de Compostela.
Trátase da conmemoración dunha das efemérides máis importantes que vai acontecer en 2023, a fundación do Seminario de Estudos Galegos, “unha institución que quixo poñer en valor todos os aspectos da cultura galega que estaban ausentes dos estudos universitarios e, realmente, a conformación dun grupo ao que se van unindo a intelectualidade galega, as Irmandades da Fala e a Xeración Nós; as persoas creadoras do ensaio en lingua galega cunha investigación de alto nivel”.
Desde o inicio tivo unha vinculación especial co espazo da cidade de Santiago de Compostela, porque o Seminario de Estudos Galego tivo un lugar propio no Colexio Maior San Clemente e tamén en Fonseca. Tamén tivo unha implicación directa o editor Ánxel Casal, que foi despois alcalde de Santiago, e que se fixo cargo desa publicación interdisciplinar Arquivos do Seminario de Estudos Galegos.
“Hai 100 anos que a cidade de Santiago de Compostela, sede do Seminario de Estudos Galegos, era tamén sede da capital científica dunha Galiza con futuro representada nesa xeración de profesorado e de universitarios e universitarias que iniciaron novas liñas de investigación sobre o país e desde o país”, indicou.
Segundo explicou Goretti Sanmartín, “hai que aproveitar este momento para dar a coñecer o papel das investigadoras que formaron parte do SEG, pioneiras na ciencia en Galiza como Dolores Lorenzo Salgado, Amparo Aranga, Encarnación Fraga, Luísa Cuesta, Xosefa Iglesias Vilarelle, María Corredoira, Sara Leirós ou Pura Lorenzana e visibilizar o testemuño de mulleres desa época como Olimpia Valencia ou María Tobío”.
Así, a proposta do BNG avoga pola elaboración dunha programación específica sobre o centenario do Seminario de Estudos Galegos e a súa relevancia como institución impulsora dos estudos científicos e da investigación en Galiza e en Santiago de Compostela, en particular.
Ademais, propón que o Concello de Santiago colabore e apoie aquelas iniciativas que xurdan da base asociativa e cultural para pór en valor e render a homenaxe que merecen as figuras desta etapa da nosa historia.
Aposta tamén por crear un premio específico de investigación científica para novos grupos relacionados con Galiza en calquera das disciplinas científicas, que sexa unha homenaxe ao labor desenvolvido polo SEG.
Así, pretende que o Concello de Santiago promova, coa implicación económica precisa, iniciativas investigadoras e artísticas como exposicións e roteiros pola cidade de Compostela que singularicen o espazo e que o relacionen coa investigación científica, sinalando os lugares do saber e da ciencia relacionados co SEG.
“Trátase dunha iniciativa que debe ser consensuada en primeira instancia coa Universidade de Santiago de Compostela e tamén con outras institucións como o Museo do Pobo Galego e asociacións culturais para apoiar as propostas que xurdan para esta conmemoración e que se leve aos centros de ensino para dar a coñecer como merecen as figuras desta etapa da nosa historia”, concluíu Goretti Sanmartín.