ORZAMENTOS
O BNG esixe que tras o verán haxa proposta de Orzamentos e ordenanzas fiscais para facer política social en 2020
Goretti Sanmartín recoméndalle ao alcalde que fuxa da tentación de tentar gobernar como se tivese maioría absoluta
Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2019.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, destacou no Pleno de aprobación inicial do Orzamento de 2019 a “singularidade” da proposta do Goberno local “porque non existen Orzamentos técnicos”. O BNG abstívose na votación para facilitar o pagamento acordado coas centrais sindicais ao persoal municipal e a execución de proxectos de vital importancia para a veciñanza.
Segundo explicou, “non existen orzamentos técnicos xa que, ou o que presentan é un orzamento, un documento político que traza os principais eixos de traballo que marca as prioridades políticas do goberno aínda que sexa neste caso asumindo unha gran parte do de CA, ou é un conxunto de modificacións que o PSOE quere presentar como un orzamento por cuestións propagandísticas; mais agás o incremento salarial do persoal, podería levarse a Pleno a través de modificativos de crédito”.
Destacou tamén que “para o BNG o importante, a proba do algodón para este alcalde e o grupo de goberno, será o orzamento de 2020” e, nese sentido, aproveitou para lanzar tres mensaxes ao Goberno do PSOE: que traian una proposta de orzamentos e de modificación de ordenanzas fiscais á volta do verán e que fuxa da tentación de intentar gobernar como se tivese maioría absoluta. Nese sentido Goretti Sanmartín afirmou que “o PSOE non debe esquecer que é un goberno en minoría”.
“Recomendámoslle que fuxa da tentación de tentar gobernar como se tivese maioría absoluta. Iso quere dicir, que o diálogo, a negociación e o acordo co resto de grupos da corporación son unha obriga”. Instou a que o alcalde “rectifique as afirmacións pronunciadas no último Pleno e que se comprometa a executar os acordos plenarios, independentemente da posición do propio grupo de goberno ao respecto; niso consiste a democracia e, sobre todo, o respecto ao pleno como órgano onde reside a soberanía popular expresada nas urnas”, afirmou.
Entre os puntos cos que concorda o BNG desta proposta de Orzamentos, están “aspectos importantes como a suba salarial aos traballadores e traballadoras municipais nos termos pactados coas centrais sindicais” e “a inclusión de partidas específicas para a execución de acordos para os que non había dotación orzamentaria no orzamento prorrogado”.
Basicamente é a proposta de orzamento de CA, agás no capítulo de investimentos, onde deixan fóra cuestións de relevancia, algunhas delas aprobadas no Pleno a instancias do propio BNG. Citou así actuacións no barrio das Fontiñas, o acondicionamento da parcela de aparcadoiro na rúa Altiboia, actuacións na rúa do Valiño, a humanización do campo da festa do Castiñeiriño, microbuses eléctricos circulares para as parroquias do rural ou a minoración da partida para o Castelo da Rocha de 346.000 a 80.000 euros.
Este Orzamento tamén contén “gastos discrecionais” do novo goberno por unha cantidade de case 600.000 euros “para estudos de plans que non son, desde a nosa perspectiva, a mellor maneira de definir o modelo da cidade que queremos”, porque para o BNG debera contarse coa implicación dos sectores afectados e da veciñanza.
Cuestionou tamén o mantemento do modelo de subvencións nominativas, “onde destinan a este apartado 87.000 euros máis que na proposta do goberno anterior, que xa era elevada”, así como as “partidas opacas” ou o “desequilibrio” que supón que os ingresos correntes suban case medio punto (un 0,47%) e os gastos correntes un 6,27%, “algo que fai que un orzamento destas características non sexa sustentábel no tempo”, advertiu.
O BNG bota en falta que, en paralelo, se presente unha proposta organizativa e un plan de choque que permita cumprir o período medio de pago a provedores. “Isto debería ser unha prioridade absoluta porque hai moitos pequenos provedores que non merecen que non se lles pague en tempo e forma e ademais non podemos renunciar a que os remanentes de 2019 poidan dedicarse a investimentos en vez de se dedicaren novamente a amortizar débeda”, sinalou.