PREVENCIÓN DE INCENDIOS
O BNG esíxelle ao alcalde que efectúen de urxencia as rozas de vexetación que invaden beirarrúas, camiños e estradas en plena tempada de verán
Considera inxustificábel a demora para mercar o tractor desbrozador dos Orzamentos participativos de 2017
Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2018.- O grupo municipal do BNG recibiu numerosas queixas da veciñanza que está moi preocupada pola vexetación que invade beirarrúas e camiños, ademais de ocultar sinais de tráfico nas estradas, polo desleixo do Goberno local de Martiño Noriega en facer as rozas que lle corresponden para a prevención de incendios forestais e seguranza viaria durante a tempada de pleno risco de incendios.
Deste xeito, reclámalle ao Goberno de Compostela Aberta que axilice os procedementos para a limpeza, roza e mantemento de marxes e drenaxes de estradas, beirarrúas e carreiros fluviais. “O Concello de Santiago debe efectuar, canto antes, os traballos de roza de vexetación á beira de camiños, estradas e noiros, tanto pola redución de visibilidade que ocasiona para vehículos e peóns como para facilitar a evacuación de augas, a duración do asfaltado e a prevención de incendios”, explicou o concelleiro Rubén Cela.
En concreto, por citar uns exemplos das queixas recibidas, resulta urxente rozar a vexetación na travesía de Vista Alegre, na estrada da carballeira de San Lourenzo a Vidán, na rúa Clara Campoamor, na rúa de Picaños e arredores da rotonda do Restollal ou Caramoniña. A propia veciñanza tivo que realizar traballos de roza en camiños públicos posto que as silveiras invadían a zona de paso. Estes labores de prevención son fundamentais para reducir o risco de propagación do lume na proximidade a vivendas, que mesmo pode xerar alarma entre a poboación.
Neste sentido, o BNG considera inxustificábel a demora para mercar o tractor desbrozador que se aprobara a instancias das asociacións veciñais do rural no proceso de orzamentos participativos de 2017. Deste xeito, non estivo operativo nin na campaña de prevención de incendios de 2017 nin de 2018.
Ademais, requírelle ao Goberno local que poña en marcha o plan de erradicación do carrizo da Pampa (Cortaderia selloana), unha planta exótica invasora que causa perdas no sector agrícola e forestal, tal como se aprobou a petición do BNG no Pleno de decembro de 2016.