O BNG esíxelle a Fomento o arranxo urxente da N-550 para mellorar a seguridade viaria
A deputada Rosana Pérez convida a ministra de Fomento a coller o seu coche particular para comprobar os riscos da N-550
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2015.- O BNG presentou unha iniciativa e unha pregunta dirixidas ao Ministerio de Fomento para esixir o arranxo da N-550 cun plan integral de reforma do firme deteriorado, así como a mellora da sinalización vertical e horizontal.
En rolda de prensa coa presenza da deputada nacionalista no Congreso Rosana Pérez e dos portavoces municipais de Santiago, Rubén Cela, e de Ordes, Ramiro Recouso, reclamaron que se licite canto antes a obra destinada á rehabilitación do firme da N-550 entre os puntos quilométricos 34,4 e o 57,8, no tramo situado entre Santiago de Compostela e Ordes.
Segundo explicou Rubén Cela, tanto a mellora da seguridade viaria na N-550 como na N-525 na contorna do Eixo son auténticas prioridades para o BNG para evitar os puntos negros que se cobraron demasiadas vidas, como así reclamamos en diferentes iniciativas e mesmo con propostas de emendas nos Orzamentos do Estado.
Ramiro Recouso, pola súa parte, detallou as deficiencias desta estrada no tramo tan transitado de Santiago a Ordes. Xa mesmo ao pasar a rotonda do Meixonfrío, o carril dereito que existe en Boisaca está desfeito, afirmou, xunto co risco que supón a intersección da N-550 co periférico á altura da ponte do polígono industrial onde existen numerosos accidentes ou na recta da Finsa. Así, detallou os puntos onde existe deterioro do pavimento e falta de pintura na recta de Marantes, nas fochancas de Sigüeiro, nos Mariñaos en Oroso cun grave deterioro do pavimento e da falta de pintura que fai as liñas invisíbeis pola noite e xa en Ordes hai un punto negro en Montaos, con moitos problemas de accidente por alcance porque non hai illa de desviación nin medidas de seguridade que permitan o cambio de dirección. Destacou tamén a escasa viabilidade das liñas horizontais pola noite e o continuo repintado provoca confusión para distinguir se hai liñas continuas ou descontinuas e os problemas derivados do rebacheo de asfalto permeábel que provoca cortinas de auga cando chove sobre o anterior impermeábel noutros tramos.
Fomento non inviste na conservación das estradas galegas da súa titularidade
Ademais, Rosana Pérez indicou que o investimento de Fomento na Galiza non pode ser todo para a alta velocidade ferroviaria. Explicou tamén que a N-550 é a única vía alternativa á AP-9 de norte a sur do país, que conta cun prezos abusivos que se incrementaron nos últimos anos e isto provocou que moita xente volvera de novo ás estradas sen peaxe. Ao aumento de tráfico hai que sumarlle a falta de investimento do Ministerio de Fomento para a súa conservación, engadiu.
Fomento ten que deixarse de parches e acometer unha reforma integral da N-550, como reclamou o BNG na tramitación dos Orzamentos do Estado para 2015 cunha emenda de 15 millóns de euros, instou Rosana Pérez, quen convidou expresamente a que a ministra de Fomento colla o seu coche particular, non o oficial conducido por un chofer, e observe in situ entre Compostela e Ordes o mal estado da N-550. Lembrou tamén que Galiza é onde os seguros de coches son os máis caros do Estado polo deplorábel estado de conservación das estradas de Fomento.
Ademais, a deputada nacionalista instou a que o Ministerio de Fomento inclúa unha partida necesaria para arranxar a N-550 nos Orzamentos que está a elaborar para o vindeiro ano, coa reposición da sinalización degradada e do firme, en aras de gañar seguridade viaria na Galiza.