O BNG fai unha avaliación crítica da falta de impulso do uso do galego por parte do Goberno do PP
Nos últimos anos detectouse un retroceso na normalización do idioma no ámbito municipal, afirma Rafael Vilar
Letreiros de licenzas de obras, programas de man da Banda de Música Municipal, sinalización e campañas en colaboración con entidades deixaron de empregar o galego durante o mandato do PP
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2015.- O concelleiro Rafael Vilar expresou o apoio do BNG á manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego este domingo 8 de febreiro, que sae ás 12:00 na alameda compostelá, para defender a obriga legal das administracións de promover a lingua galega e a sensibilizar a cidadanía da necesidade da transmisión xeracional deste sinal de identidade como país. Ademais, en rolda de prensa, realizou unha avaliación crítica da falta de impulso da utilización do galego por parte do Goberno local do PP.
Referiuse á perda de usos do galego, segundo constatan os datos do Instituto Galego de Estatística, especialmente entre a xente nova máis urbana e acusou que este retroceso xeral en diferentes ámbitos se debe ás case inexistentes políticas públicas de protección e de impulso do idioma propio de Galiza por parte da Xunta, un reflexo do contexto onde menos investimento público se realiza, dixo, porque investir en lingua é investir en patrimonio, en cultura, en identidade e tamén na riqueza material de potenciar unha industria cultural que xera postos de traballo e dinamiza a economía.
Así, Rafael Vilar realizou un chamamento a saír á rúa este domingo para demostrar que o galego lle importa á cidadanía e que demanda ante das administracións e os poderes públicos un maior compromiso para desenvolver actuacións nos diferentes ámbitos e consolidar o seu uso. Neste contexto, o BNG fai unha avaliación moi crítica do papel do Goberno municipal de Santiago, cando foi unha cidade pioneira e referencial na dignificación do galego e que no pasado introduciu importantes medidas para promover o seu uso e recuperar o prestixio social.
Deste xeito, Rafael Vilar emprazou o Goberno local a incorporar na axenda política o fomento do uso do galego e cuestionou a nula iniciativa e falta de vontade nesta materia. Na rolda de prensa, o concelleiro amosou diversas imaxes que serviron de exemplo, relativas á toponimia deturpada, tanto nos sinais da avenida de Lugo como na placa recentemente instalada coa rehabilitación do curtidoiro de Pontepedriña de Arriba; á cartelaría de campañas promocionais de eventos e concurso que contan con colaboración institucional; letreiros de licenzas de obras; e programas da Banda de Música Municipal, entre outros. O desleixo é notorio mesmo nas comparecencias públicas de membros do Goberno local que non usan nunca o galego, pese ao mandato legal de fomentar o seu uso como lingua propia de Galiza cando exercen como cargos públicos.