O BNG non aproba o proxecto de intervención proposto polo PP para a praza do Matadoiro
A actuación prevista non inclúe a adecuación das traseiras das vivendas de San Pedro nin o saneamento integral do regato
Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2015.- O grupo municipal do BNG, logo dunha primeira análise do proxecto que o Goberno local trasladou á Comisión Asesora de Patrimonio Histórico, á falta dun estudo máis rigoroso e minucioso, considera que é preciso mellorar o acceso e a comunicación entre o parque de Belvís e a praza do Matadoiro, mais unha actuación deste tipo está xustificada só se o conxunto da cidade sae claramente gañando co resultado final, afirmou Rubén Cela, e de momento, as solucións propostas, dende o punto de vista do BNG, non garanten ese obxectivo. Ademais, insistiu en que o Goberno local debe clarificar a plena legalidade desta actuación que, na actualidade, se atopa na Fiscalía.
Segundo explicou Rubén Cela, trátase dun contorno sensíbel e dunha actuación complexa que xustifica que se siga a traballar, o tempo que faga falta, na dirección de buscar a solución máis acaída. O BNG nunca entendeu esta actuación como derrubar algo, senón como crear un novo espazo público para Santiago de Compostela, que mellorase globalmente a cidade, afirmou.
O proxecto presentado nesa comisión non se axusta ás expectativas que o BNG tiña para unha zona tan sensíbel coma esta, pois non hai unha filosofía clara do que se pretende con esta actuación e non se recollen no orzamento previsto aspectos que para nós son esenciais.
Así, entre os puntos que o BNG bota en falta está tratar dun xeito serio a actuación nas traseiras de San Pedro, pois non hai prazos, orzamento nin modelo de execución para esta intervención, nin se ofrece posíbel solución que se podería arbitrar para as traseiras que se atopan fóra de ordenación, como tampouco está recollida na actuación o saneamento integral do regato. Para o BNG, sería unha oportunidade perdida que se realizase unha actuación de tal magnitude e que isto non quedase debidamente resolto, indicou.
Neste momento, para o BNG é fundamental que o Concello abra un prazo para que a veciñanza interesada poida achegar suxestións e que dende o Goberno municipal exista a predisposición a escoitar outras propostas posíbeis e a estudalas técnica, económica e socialmente; ademais de estar disposto a introducir cambios se fose necesario.