O BNG traslada ao Pleno a reivindicación de máis persoal para Correos
Nos últimos 5 anos elimináronse 15 prazas deste servizo público na cidade e O Ensanche, o Polígono do Tambre, San Roque, Vista Alegre e Fontiñas son os lugares máis afectados
Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, presentou en rolda de prensa unha moción que trasladará ao Pleno para demandar a cobertura de vacantes nos cadros de persoal de Correos co fin de que se resolvan os problemas que se producen diariamente no servizo postal de Santiago de Compostela.
Segundo explicou Rubén Cela, Correos é o provedor público de servizos de comunicación de cartas e de paquetería que debe prestar un servizo postal universal, con eficiencia, calidade e sustentabilidade. Polo seu carácter público, convértese nun actor fundamental nas relacións da cidadanía coas administracións públicas e coas empresas, afirmou.
En Santiago de Compostela existe un colapso deste servizo, con picos que alcanzan as 9.000 cartas sen repartir no día, por mor da redución do persoal. En concreto, nos últimos 5 anos elimináronse 15 postos de repartidores e persoal de apoio co que se incrementou a carga de traballo e isto provoca que diariamente queden cartas e paquetes sen distribuír na nosa cidade. O Ensanche, o Polígono do Tambre, San Roque, Vista Alegre e o barrio das Fontiñas son os lugares máis afectados por esta redución de persoal, co prexuízo que causa tanto para as empresas como para a veciñanza destas zonas.
Ademais, referiuse a que no artigo 24 da Lei Postal se especifica que as entregas se practicarán, cando menos, todos os días laborábeis, de luns a venres, agás no caso de concorrer circunstancias ou condicións xeográficas especiais e está claro que isto non é o que acontece en Santiago de Compostela. Tamén no artigo 21 da directiva comunitaria 2008/6/CE se recolle que o servizo universal garante unha recollida e unha entrega en domicilio de cada persoa física ou xurídica todos os días laborábeis, mesmo nas zonas afastadas ou escasamente poboadas.