SANIDADE
O BNG fai un chamamento a participar na manifestación do domingo “para parar o atentado contra a sanidade pública”
Reclama o centro de saúde de Conxo que é unha infraestrutura necesaria para atender a demanda existente
Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2018.- O BNG de Santiago escolleu o centro de saúde das Galeras para facer un chamamento á convocatoria da mobilización a prol da sanidade pública que se vai realizar o próximo domingo 4 de febreiro, segundo explicou a concelleira Goretti Sanmartín Rei, acompañada de militantes e simpatizantes da formación nacionalista que despregaron unha pancarta.
“Este centro de saúde das Galeras era complementario ao de Conxo, un centro de saúde que non está nas prioridades da Xunta de Galiza e nin sequera o inclúe na medida publicitaria que fai para intentar parar as mobilizacións sociais ante a alarma de situación de emerxencia en que está a sanidade”, sinalou. Diante desta situación de ver que toda a sociedade está mobilizada polo que significa de apoio e reforzamento á sanidade privada, xunto coa lexislación para favorecela, “o único que fai Feixóo é anunciar 20 centros de saúde, aínda que algúns deles son remodelacións, e nin sequera está o centro de saúde de Conxo que esta cidade necesita”.
“Dende o BNG esiximos o centro de saúde de Conxo, que é unha infraestrutura necesaria, e imos levar esa iniciativa ao Pleno e facer que a veciñanza se posicione a prol desa infraestrutura necesaria para a cidade”, indicou.
Referiuse tamén á “alarma social ante a Lei de Garantías e ao golpe de estado que significa a reforma sanitaria do PP que se carga a sanidade pública, porque estabelece uns prazos para as intervencións cirúrxicas de 60 días e para citas e consultas diagnósticas que son 45 días”. “A perversión”, dixo, “é dar uns prazos que a sanidade pública non pode cumprir polos recortes do presidente Feixóo que expulsou 3.000 profesionais, mantén 800 camas pechadas e diponibiliza menos recursos humanos e económicos co obxectivo de derivar esas persoas doentes para a privada”. Daquela, se existen eses recursos para pagarlle á sanidade privada, o BNG reclama que se invistan na sanidade pública porque sería o lóxico.
Puxo exemplos que demostran que eses prazos son “incumpríbeis”, dentro da área de sanitaria de Compostela, como un paciente que necesita facer unha resonancia de columna que solicita en 2016, fai a proba o 19 de setembro de 2017 e agora danlle cita para mirar os resultados e o diagnóstico para o 11 de outubro de 2018. “Isto é algo absolutamente escandaloso”, afirmou Goretti Sanmartín Rei. Outro exemplo é “o dun neno cun vulto inguinal que vai a consulta en agosto de 2017 e lle dan a cita para unha ecografía o 24 de xaneiro de 2018. Pacientes que solicitan unha segunda consulta e tardan máis dun ano en facelo, as citas de dixestivo andan arredor de cinco e seis meses de agarda”. Daquela, non se cumpren eses prazos por mor dos recortes do Goberno do PP e crean unha situación na que se derivan pacientes á sanidade privada insuflándolles cartos que tiñan que ser para a pública”, advertiu.