ELECCIÓNS

O BNG inclúe criterios de “sustentabilidade e integración na estrutura urbana” para humanizar as infraestruturas

BNG
BNG

“Ese cambio no concepto de infraestruturas para mellorar a mobilidade tamén prevé a creación de sendas peonís”, explica Goretti Sanmartín

O BNG inclúe criterios de “sustentabilidade e integración na estrutura urbana” para humanizar as infraestruturas

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2019.- O programa do BNG, no relativo á mellora das infraestruturas, inclúe que deben deseñarse “con criterios de funcionalidade, capacidade e calidade, de sustentabilidade ambiental e de integración na estrutura urbana”, para o que a candidata á Alcaldía Goretti Sanmartín se compromete a revitalizar o Consello Económico e Social “para que adopte un papel activo da demanda das grandes obras pendentes doutras administracións”.

“Compostela, como centro dunha ampla comarca, debe encabezar a coordinación e optimización de servizos e políticas públicas que poidan ter un carácter supramunicipal como o urbanismo e planificación de infraestruturas de comunicación ou a prestación de servizos públicos como o abastecemento, auga, depuración de vertidos, eliminación de residuos ou transporte”, explicou. “Santiago precisa dotarse de infraestruturas para ser unha área económica con mellores servizos para a súa veciñanza”, engadiu.

Ese cambio no concepto de infraestruturas para mellorar a mobilidade tamén prevé a creación de diversas sendas peonís, entre as que destacan a da subida ao Pedroso e no tramo do Castiñeiriño ao Eixo, ademais doutra que inclúa un carril para ciclistas entre Santiago de Compostela e O Milladoiro para mellorar a seguranza das persoas que transitan a pé e en biclicleta, mediante rutas marcadas que estean afastadas do tránsito rodado, sinalou Goretti Sanmartín. Ademais, “esta última pode aproveitarse para dar a coñecer o patrimonio cultural e natural da zona, como o castro de Conxo, os petróglifos e o Castelo da Rocha”.

En canto a estradas e conexións, destacou o enlace orbital e o “orbitaliño”, dúas infraestruturas necesarias para completar a zona industrial norte; a humanización e a seguranza viaria no paso inferior de Conxo, completar a autovía Santiago-Lugo e xestionar a transferencia ao Concello da N-634 desde Lavacolla e da N-525 no Eixo, e das partidas orzamentarias correspondentes que permitan remodelalas cun tratamento de bulevar urbano para incrementar a seguranza viaria.

Para o BNG é fundamental a humanización da avenida de Lugo e do Restollal até a confluencia do Eixo. Do mesmo xeito que todas as propostas de entrada dos Camiños de Santiago deben ter como obxectivo humanizar e vertebrar os barrios, cun deseño pensado para mellorar o benestar e a comodidade das persoas que viven na contorna.

Sobre a estación depuradora, afirmou que é unha infraestrutura que non pode agardar máis, logo de oito anos perdidos para sanear os ríos e deixar de contaminar. “O goberno actual, tras asumir durante case tres anos o proxecto do PP, puxo en risco a perda dos fondos europeos, polo que darlle unha saída á EDAR será unha prioridade absoluta tanto polo que representa desde o punto de vista ambiental como económico”, asegurou Goretti Sanmartín.

Ademais, o BNG defende Lavacolla como aeroporto central e de referencia de Galiza e comprométese a conseguir novos usos para a vella terminal de Lavacolla, ademais de mellorar o transporte de mercadorías por vía aérea.

Sobre o ferrocarril, é necesario impulsar a estación Intermodal “Daniel Castelao” cun plan de tránsito para toda a zona da Pontepedriña, o Castiñeiriño e Sar, a comezar polo vial Clara Campoamor. Tamén é necesario consolidar o acceso ferroviario ás grandes áreas do norte coa construción da estación de mercadorías na reserva prevista no polígono empresarial da Sionlla.

O BNG inclúe criterios de “sustentabilidade e integración na estrutura urbana” para humanizar as infraestruturas