INSTITUCIONAL

O BNG inicia unha ofensiva para a Xunta salde con Santiago unha débeda histórica de 25 millóns de euros polo Estatuto da Capitalidade

goretti.ana.navia.peq
Goretti Sanmartín, Ana Pontón e Navia Rivas

Encontro de traballo no Concello da portavoz nacional, Ana Pontón, coa portavoz municipal, Goretti Sanmartín, e a concelleira Navia Rivas

O BNG inicia unha ofensiva para a Xunta salde con Santiago unha débeda histórica de 25 millóns de euros polo Estatuto da Capitalidade

Santiago de Compostela, 16 de Xullo 2019.- A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro coa portavoz municipal en Santiago, Goretti Sanmartín, e coa concelleira Navia Rivas, no que abordaron as prioridades de traballo do BNG para o concello de Santiago, desde o criterio “dunha oposición de fiscalización construtiva, aportando propostas de calado e desde un contacto directo coa rúa cunha mirada a medio o longo prazo para darlle a cidade o impulso que precisa”, sintetizaba a líder do Bloque.

Entre esas prioridades, tanto Sanmartín como Pontón recalcaron a urxencia de “acabar coa discriminación” que soporta Santiago tanto desde a Xunta como desde o Goberno do Estado, que concretaron en dous temas: financiamento insuficiente para facer cumprir o estatuto de capitalidade e o retraso en infraestruturas como a intermodal ou a depuradora.

No primeiro caso, o Bloque cifra en 25 M€ a débeda histórica con Santiago derivada dos custes da capitalidade, tras unha década na que a dotación orzamentaria estivo moi por debaixo do custe real estimado en 5,5 M€ por un estudo académico, que incluso sería preciso actualizar. Por contra, os orzamentos da Xunta recolleron unha partida anual de 2,3 M€ na última década.

“Son case 25 M€ por custes da capitalidade que perdeu Santiago e por iso esta será unha das nosas principais reivindicacións para a cidade, aínda que tamén hai outras discriminacións que corrixir”, explicou Sanmartín. Neste sentido, o BNG vai iniciar unha ofensiva nas institucións, -tanto no concello como no Parlamento- para conseguir que se salde esa débeda coa cidade.

Como primeiro paso, o obxectivo é lograr que os orzamentos da Xunta para 2020 eleven a partida vinculada ao estatuto de capitalidade de Santiago dos 2,3 a 5,5 M€.

A outra cuestión que o Bloque considera clave para Compostela é poñer en marcha un Plan estratéxico de infraestruturas que, entre outras cuestións, debe supoñer un avance para converter ao aeroporto de Santiago “no aeroporto internacional de referencia en Galiza cun plan de rutas ambicioso e mellorando as conexións, como por exemplo a ferroviaria, que segue pendente”, explicou Pontón. “A xestión centralizada dos aeroportos é un atranco para o desenvolvemento da cidade e do país”, recalcou.

Aeroporto, intermodal e depuradora

“AENA ten a competencia pero non a exerce”, denunciou, ademais de criticar a falta de iniciativa do presidente da Xunta neste ámbito.

“Debería reclamar esa competencia para Galiza e poder facer desde aquí, adaptada a nosa realidade e necesidades, unha estratexia aeroportuaria galega desde a cooperación e a coordinación”, alegou, tras lembrar que “Feixóo ten o mérito de non ter conseguido nin unha soa nova transferencia en dez anos, algo inédito, cero aportación ao incremento do autogoberno”.

No terreo das infraestruturas, tanto Sanmartín como Pontón fixeron referencia á depuradora de Silvouta, “que debe iniciarse xa tras a demora de anos por decisións erróneas”, indicou a líder nacionalista, quen tamén aproveitou para poñer sobre a mesa a necesidade de modernizar a depuradora do aeroporto.

Panteón dos galegos ilustres

E atención tamén para a intermodal, cuestión na que a portavoz municipal considera clave suprimir a cláusula dos 3,5 millóns de pasaxeiros como requisito para abordar a segunda fase: “é discriminatoria e debe ser eliminada do convenio”, recalcou a portavoz municipal. Sanmartín tamén aposta “por dar agora unha boa solución para o aparcamento e non atoparnos dentro de dous anos outra vez con obras, un aparcamento subterráneo coa dimensión acaída suporía ademais unha vantaxe para o comercio de proximidade do ensanche”, alegou.

Finalmente, o Bloque propón recuperar a xestión civil e laica do Panteón dos Galegos Ilustres “xa de cara á celebración do próximo xacobeo a través dunha acción coordinada entre Concello e Xunta, é posible se hai vontade política”, concluíu Pontón.

O BNG inicia unha ofensiva para a Xunta salde con Santiago unha débeda histórica de 25 millóns de euros polo Estatuto da Capitalidade