ORZAMENTOS

O BNG insta ao Concello a comprar o vehículo desbrozador aprobado nos Orzamentos participativos para a prevención de incendios

As propostas que máis votos tiveron no rural aínda non foron atendidas

O BNG insta ao Concello a comprar o vehículo desbrozador aprobado nos Orzamentos participativos para a prevención de incendios

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2017.- O grupo municipal do BNG de Santiago advirte de que o Concello de Santiago non adquiriu aínda o vehículo desbrozador que se aprobou nos Orzamentos participativos a instancias das asociacións veciñais do rural, polo que non poderá estar operativo na campaña de prevención de incendios deste ano.

O BNG realizoulle unha pregunta ao Goberno de Compostela Aberta para coñecer a previsión da data para a compra deste vehículo, que está consignado nos Orzamentos con 120.000 euros, pois poderíase usar nas dúas cortas de vexetación anuais recomendadas para a prevención de lumes forestais.

Recentemente se asinou o contrato para o inicio dos traballos de roza nas estradas e gabias das pistas das parroquias de Compostela por 220.000 euros, mais aínda non se iniciaron as xestións para compra deste vehículo pese a que foi a proposta que acadou máis votos nas parroquias do rural durante o proceso de Orzamentos participativos, con 410 persoas que a secundaron e 5.140 puntos finais.

Outra das propostas do rural que fora aprobada, como a instalación de paneis unificados para a difusión de información pública nas parroquias, tampouco foi realizada. En concreto, aprobárase colocar 240 paneis cun orzamento asignado de 72.000 euros. Esta idea obtivera 342 apoios de persoas do rural.

Deste xeito, ponse en cuestión a credibilidade do proceso de Orzamentos participativos para 2018 cando os acordos para este ano non se tiveron en conta pese a estar consignados nas contas municipais.

O BNG insta ao Concello a comprar o vehículo desbrozador aprobado nos Orzamentos participativos para a prevención de incendios