O BNG lembra ao Goberno local que non pode vetar asociacións veciñais nos Orzamentos Participativos

O BNG lembra ao Goberno local que non pode vetar asociacións veciñais nos Orzamentos Participativos

O modelo de Compostela Aberta non é colaborativo, mesmo pode levar a unha competencia para conseguir unha obra no seu barrio

Considera que cada concellaría debe levar a proposta de orzamento aos consellos de participación e que a súa valoración sexa preceptiva para o traslado a Pleno

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2016.- O grupo municipal do BNG, a través do seu portavoz Rubén Cela, sinalou en rolda de prensa que despois de dúas reunións sobre os Orzamentos Participativos “o proceso está moi verde e o Goberno municipal cometería un erro se non atende algunhas cuestións que son un auténtico clamor”, como unha revisión do modelo de participación das asociacións veciñais. “É incoherente que o grupo de Goberno as convoque para ser o grupo promotor de algo e logo vete a súa opinión, cun procedemento cidadanista onde prima a participación a título individual mais sen cabida para a expresión propia do asociacionismo veciñal”.

Compostela Aberta tivo un ano para avanzar na proposta de regulamento dos Orzamentos Participativos e agora trasládalles as présas ás asociacións veciñais sen lles dar tempo, nin sequera, a convocar aos seus propios organismos de dirección para avanzar unha posición.

Santiago de Compostela ten un tecido asociativo moi amplo, con entidades que coñecen o seu barrio ou parroquia, con moitos anos de traballo e cunha lexitimación social e, para Rubén Cela, “non entra na cabeza que se vaia falar de obras e de equipamentos e non se teñan en conta o parecer das asociacións veciñais”.

Para o BNG, cómpre revisar o modelo de distritos que está pensado para cidades doutras dimensións como Madrid ou Sevilla, “para as que se mira demasiado cando a realidade de poboamento e de asentamento territorial en Santiago é moi diferente”, pois ten unhas parroquias moi ben definidas cunha idiosincrasia e unha historia propias. Este modelo non é colaborativo, mesmo pode levar a unha competencia entre asociacións para conseguir unha obra no seu barrio.

Ademais, considera fundamental a revisión da partida económica prevista de 1 millón de euros, cando o procedemento é “farragoso, custoso en enerxía e en cartos, porque leva parello o contrato dunha empresa privada por 10 millóns das antigas pesetas e que non garda correspondencia co resultado práctico do que se pode conseguir”. Vai haber 300.000 euros para o conxunto da cidade e logo unhas contías de 200.000 euros para cada un dos dous distritos. “Isto vai xerar unhas expectativas que acabarán en decepción e frustración”, indicou Rubén Cela.

Cómpre revisar lagoas no propio regulamento, como a posibilidade de que voten persoas censadas, estudantes, xente que vive aquí, maiores de 16 ou de 18 anos; ademais da creación de organismos como as mesas de proposta ou a comisión de seguimento con número de membros sen indicar como se van escoller, o que pode supor un problema no futuro, o mesmo que a limitación dun quórum mínimo para adoptar decisións, proseguiu o portavoz municipal nacionalista.

“Para o BNG, só valería un acordo se hai un compromiso explícito do grupo de Goberno de complementar a experiencia do orzamento participativo co compromiso de reactivar todos os consellos de participación cidadá que seguen sen convocarse un ano despois (10 de 14 seguen sen constituírse neste mandato), para levar o orzamento de cada concellaría a eses consellos de participación e que a súa valoración fose preceptiva para o seu traslado a Pleno”, sinalou Rubén Cela.

O BNG lembra ao Goberno local que non pode vetar asociacións veciñais nos Orzamentos Participativos