O espectáculo audiovisual das Festas do Apóstolo repetirase varios días por unha iniciativa do BNG
A imaxe do cartel é falta de orixinalidade, pois foi usada en moitos eventos anteriores como se pode comprobar sen dificultade en internet
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2016.- O espectáculo audiovisual dos Fogos do Apóstolo repetirase nas noites posteriores ao 24 de xullo grazas a unha iniciativa do BNG e ao feito de pedir que as empresas o incluísen como mellora e sen custe para as arcas municipais, segundo aprobou a mesa de contratación.
Deste xeito, Rubén Cela explicou que a veciñanza de Santiago poderá contemplar este espectáculo de luz e de son durante máis días de festa. O gasto maior é na súa creación, desta maneira contribúese a obter un maior rendemento do investimento, dado que un maior número de persoas, especialmente de Santiago e da comarca, poderán gozar del ao tempo que o sector da hostalaría se verá favorecido pola concorrencia de público á zona vella.
Historia da cartelaría das Festas do Apóstolo
Por outra parte, o BNG cuestionou o uso dunha imaxe recurso no cartel das Festas do Apóstolo, pois lonxe de ser orixinal esa fotografía foi moi utilizada nos últimos anos en diversos eventos relixiosos, musicais e en páxinas de axendas de lecer, como se pode comprobar sen dificultade nos buscadores de internet.
Esta falta de orixinalidade contrasta coa historia da cartelaría das Festas do Apóstolo, unha colección de referencia para profesionais do deseño gráfico, onde se recoñecen artistas e estilos de cada época que enxalzaban graficamente a súa publicidade e a promoción deste evento.
Para o BNG, o cartel escollido nesta edición dista moito de representar a esencia do que debera corresponderlle á programación das festas grandes de Santiago de Compostela, ao ser unha repetición máis dunha imaxe falta de orixinalidade e con moitas reproducións noutros eventos anteriores.
Lonxe de apostar pola arte, pola creatividade galega e pola identidade propia de Santiago de Compostela, a escolla do Goberno local foi diluír o cartel desta edición das festas no sentido máis negativo da despersonalización e da globalización.