O BNG lembra asuntos “urxentes e importantes” para arrincar compromisos do Ministerio de Fomento

O BNG lembra asuntos “urxentes e importantes” para arrincar compromisos do Ministerio de Fomento

Completar o Polígono da Sionlla, a seguridade viaria da N-550 e da N-525, o ERTMS no acceso a Santiago e a EDAR son prioritarios para o BNG

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, ao abeiro da reunión que manterá o alcalde coa ministra de Fomento, indicou que hai temas “transcendentais” para o futuro inmediato da cidade, “uns son urxentes pero os urxentes non deben tapar os importantes”.

Así, afirmou que é “urxente” concretar as obras do túnel de Conxo, a actuación de Fomento e do ADIF para a estación intermodal de Santiago “e moi importante a concreción, prazos e fondo da coñecida como orbital, o enlace da autoestrada AP-9 coa autovía a Lavacolla e ao polígono da Sionlla”.

“Hai outros tres temas que Martiño Noriega debería levar na mochila”, proseguiu, “un deles é completar o polígono da Sionlla para que sexa das áreas industriais máis competitivas de Galiza pola súa posición estratéxica, xunto coa estación de mercadorías”.

Para o BNG, é prioritaria a seguridade viaria “e o Ministerio de Fomento ten dúas materias pendentes co Concello de Santiago”, por unha parte a revisión integral da N-550 especialmente no tramo Santiago-Sigüeiro e no conxunto e a revisión da N-525 ao seu paso pola parroquia do Eixo, “que son dous puntos negros no mapa viario” en canto a sinistralidade. “Débense pór prazos, fondos e medios tanxíbeis para unha revisión integral, non simplemente coa mellora da sinalización vertical e horizontal ou o rebacheo das fochancas”, incidiu.

Requiriu tamén compromisos concretos para activar o ERTMS na entrada da alta velocidade ferroviaria en Santiago, pois no Orzamento Xeral do Estado hai unha partida para o Eixo Atlántico Vigo - A Coruña; “mais non hai cuantificación económica, predisposición nin vontade para solucionar algo tan flagrante dous anos despois da traxedia de Angrois”, advertiu o portavoz nacionalista.

Sobre a EDAR, indicou que “xa se perderon os fondos comunitarios unha vez e resulta unha infraestrutura básica para o futuro de Santiago e da comarca”. Nos Orzamentos Xerais do Estado para 2016 non está previsto máis que un 4% desa infraestrutura e é “outro ámbito onde se requiren compromisos concretos que deberían tirarse nesa reunión con Fomento”.

O BNG lembra asuntos “urxentes e importantes” para arrincar compromisos do Ministerio de Fomento