Goretti Sanmartín proporá no Pleno a recuperación do Premio Xohana Torres
O BNG require que o Concello de Santiago designe o parque de detrás dos Xulgados das Fontiñas co nome de Begoña Caamaño
Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2015.- A concelleira do BNG Goretti Sanmartín presentou unha moción que defenderá no vindeiro Pleno para que o Concello de Santiago recupere o Premio Xohana Torres de ensaio sobre aspectos ligados ao recoñecemento das mulleres da nosa cidade e do noso país.
Se queremos ter unha sociedade avanzada e comprometida debe haber elementos simbólicos e, por iso, os concellos e as institucións deben dar pasos adiante para facer visíbel o labor realizado por moitas mulleres de maneira anónima que, moitas veces, descoñecemos, explicou Goretti Sanmartín. Segundo afirmou, temos a necesidade de coñecermos a nosa historia, o noso pasado e de dialogar con figuras representativas importantes que están á nosa beira e que, ás veces, están ocultas e invisibilizadas.
Neste sentido, o BNG propón a recuperación do Premio Xohana Torres institucionalizado polo Concello de Santiago de Compostela no ano 1993 para promover a investigación e divulgación sobre o traballo de mulleres relacionadas con esta cidade ou co conxunto do país que poidan afondar no importante papel que fixeron a nivel social, político e económico. Non ten sentido que se deixase de convocar xustamente cando este premio comezaba a se consolidar, engadiu.
Así, o BNG requirirá no Pleno que o Concello de Santiago de Compostela se comprometa a incluír nos vindeiros orzamentos a partida necesaria para convocar o Premio Xohana Torres, coa actualización das bases para orientalo ao ensaio e coa publicidade necesaria para este galardón, co obxectivo de divulgar o labor de mulleres que destacaron na historia da cidade e de Galiza, explicou Goretti Sanmartín.
Parque Begoña Caamaño
Por outra banda, o BNG rexistrou un rogo para facer un chamamento a todos os grupos políticos para acordar as denominacións das rúas, prazas, parques e espazos públicos de Santiago de Compostela, coas incorporacións futuras que se consideren, para contribuír a dignificar persoas da cidade e de todo o país. Así, de maneira directa, queremos pór un nome enriba da mesa arredor do que había conversas previas para designar o parque de detrás dos Xulgados das Fontiñas co nome de Begoña Caamaño, sinalou. Xornalista, escritora, feminista e activista cultural, Begoña Caamaño destacou como veciña pola súa implicación no movemento asociativo e, con esta iniciativa, o BNG propón a organización dun acto institucional na súa lembranza.
O grupo municipal do BNG considera necesaria a confección dunha listaxe para todo o mandato para facer propostas de designación de rúas, parques, prazas e outros espazos públicos, indicou, atendendo a criterios de nomes que deben axudar a construír unha conciencia social xusta, respectuosa cos dereitos humanos, con valores democráticos, da historia da cidade e de recoñecemento do pobo galego.