PLENO
O BNG leva ao Pleno a petición da veciñanza do Restollal para trasladar unha antena de telefonía
Defende que o Concello faga un mapa para redes de comunicación coa valoración e as necesidades de cada barrio
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2017.- O grupo municipal do BNG leva ao Pleno a solicitude de cambio de emprazamento dunha antena de telefonía situada na Travesa do Restollal número 8, como demanda a veciñanza da zona. En anteriores ocasións, a presión social conseguiu trasladar antenas no Castiñeiriño e en Aríns.
Representantes do barrio do Restollal fixeron entrega no Rexistro municipal de 380 sinaturas de veciñas e veciños das rúas que lindan coa Travesa do Restollal para reclamar o cambio de localización dunha antena que fai as funcións de emisor-repetidor, ao considerar que pode situarse nun lugar máis afastado e reducir as radiacións electromagnéticas que poden prexudicar a saúde.
Sobre a repercusión das ondas que desprenden os emisores de telefonía móbil, a Organización Mundial da Saúde (OMS) adoptou o denominado “principio de precaución” e recomenda unha política de xestión de riscos aplicada en circunstancias cun grao de incerteza científica, o que representa a necesidade de emprender accións para un risco potencialmente grave sen necesidade de agardar os resultados das investigacións científicas, explicou Rubén Cela en rolda de prensa.
Pola súa banda, o Tribunal de Apelación de Versalles declarou que, aínda que a realidade do risco segue sendo hipotética, se fai evidente da lectura das contribucións e publicacións científicas producidas no debate sobre a repercusión das antenas de telefonía na saúde e tendo en conta as posicións lexislativas diverxentes adoptadas en diversos estados, que persiste a incerteza sobre a inocuidade da exposición ás ondas emitidas polas antenas de retransmisión e pódese considerar seria e razoábel. Deste xeito, invertiu a carga da proba ás empresas de telefonía, de forma que han de ser elas as que demostren que non entrañan risco para a saúde e non as persoas supostamente afectadas.
Por estes motivos, o grupo municipal do BNG solicitará no Pleno que o Concello de Santiago de Compostela realice, de urxencia, as xestións oportunas para buscar outro emprazamento afastado dos núcleos de poboación para a instalación da antena emisor-repetidor de telefonía móbil actualmente situada na Travesa do Restollal número 8, co fin de atender a reclamación da veciñanza.
Ademais, defende que o Concello de Santiago de Compostela contribúa a garantir e facer real unha oferta suficiente de lugares e espazos físicos para os operadores de telefonía poder realizaren un despregue ordenado das infraestruturas de redes de comunicación dende o punto de vista territorial, tal como recolle a Lei Xeral de Telecomunicacións, e tendo en conta a valoración e as necesidades da veciñanza de cada barrio.