INSTITUCIONAL
O BNG logra unha suba do 30% para a rehabilitación da cidade histórica no principio de acordo para a investidura de Sánchez
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2023.- O BNG consegue nas negociacións para a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno español incluír medidas concretas para Santiago de Compostela, xunto coas da axenda galega, vinculadas ao incremento da dotación para a rehabilitación da cidade histórica, a través dunha suba do 30% para o Consorcio; un 15% máis para a obra da estación depuradora da Silvouta e o mantemento da bonificación do transporte público en 2024, que beneficia a milleiros de persoas que viven, traballan e estudan na capital de Galiza.
Un dos puntos do acordo é o incremento superior ao 30% da achega da Administración Xeral do Estado ao Consorcio da Cidade de Santiago, cun 10% en tres anos (2024-2025-2026). Este incremento destinarase á realización de investimentos no mantemento, conservación e rehabilitación do centro histórico.
Sobre a estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Santiago, elevarase o cofinanciamento do Estado con fondos Next Generation do 65% ao 80%. Para iso, actualizarase o esquema financeiro recollido no convenio mediante a subscrición dunha addenda, segundo figura no principio de acordo.
Este principio de acordo inclúe que en 2024 se manterá, para todos os cidadáns e cidadás, a redución do prezo dos abonos de transporte e, posteriormente, converterase esta medida nunha política permanente para determinados colectivos. Isto vai beneficiar a milleiros de persoas usuarias dos trens Avant que viven, traballan e estudan en Santiago de Compostela. Ademais, recuperaranse as frecuencias de tren de media distancia e de proximidade previas á pandemia e estudarase a necesidade dun aumento de servizos na rede ferroviaria estatal en Galiza.
Figura tamén a creación de cinco novos Xulgados extraordinarios de Violencia de Xénero entre os que está o de Santiago de Compostela, coa dotación de todos os medios precisos para o seu correcto funcionamento, que se incluirán nos Orzamentos Xerais do Estado de 2024.
Ademais, realizaranse actuacións en todos os tramos de concentración de accidentes na Rede de Estradas do Estado en Galiza, entre os que se inclúe a N550, e asegúrase a finalización dos tramos pendentes de execución da Autovía Santiago-Lugo antes do peche do exercicio 2024.
Nos Orzamentos Xerais do Estado para 2024 incluiranse novos descontos nas autoestradas AP-9 e AP-53, que tamén teñen vinculación con Santiago de Compostela. Incrementaranse os descontos para persoas usuarias superrecorrentes (incluídos os vehículos pesados) na AP-9, do 20% actual, até o 50%, e coa viaxe de volta gratis os descontos son de até o 75%
Tamén se incorpora no acordo a axilización da aprobación da Orde Ministerial de denominación da Estación Intermodal de Santiago "Daniel Castelao" e programarase o uso dos seus espazos comúns para a difusión do legado artístico, cultural e político de Castelao en coordinación co Concello de Santiago de Compostela.
En canto ao fomento do uso da lingua galega no sector audiovisual, financiarase a adaptación do galego á nova era dixital cunha dotación de 15 millóns de euros para o período 2024-2027 para os proxectos con implicación da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta.
Así mesmo, tenderase a un maior peso do galego, vasco e catalán no conxunto do PERTE “Novas Tecnoloxías da Lingua”. Deste xeito, o Goberno de Estado dará eficacia ao regulado na Lei do Audiovisual no referido a garantir que os contidos destinados a público menor de 12 anos estean dispoñíbeis en todas as linguas oficiais do Estado.