INVESTIDURA

Goretti Sanmartín: “O BNG consegue 14 millóns de euros de investimentos para Santiago no acordo de investidura co PSOE”

Néstor Rego, Ana Pontón e Goretti Sanmartín
Néstor Rego, Ana Pontón e Goretti Sanmartín
Ana Pontón: “Con este acordo, Galiza gana e gana Santiago de Compostela; esa é a política útil que facemos desde o BNG”
Goretti Sanmartín: “O BNG consegue 14 millóns de euros de investimentos para Santiago no acordo de investidura co PSOE”

Néstor Rego: “O BNG seguirá pondo os intereses da Galiza sempre por diante de todo e este acordo é un exemplo”

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2023.- Goretti Sanmartín, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o deputado Néstor Rego compareceron en rolda de prensa para explicar o contido do acordo de investidura do presidente do Goberno do Estado conseguido entre o BNG e o PSOE en relación a Santiago de Compostela, que vai representar máis de 14 millóns de euros de investimentos para a capital de Galiza.

“Estamos especialmente satisfeitas”, explicou Goretti Sanmartín ante os medios de comunicación, “porque se traducimos o que significa de maneira directa son arredor de 14 millóns de euros para Santiago de Compostela para cuestións relevantes que atinxen, entre outras, a unha maior porcentaxe da estación depuradora, pasando esa obra dun 65% a un 80% por parte do Estado a través de fondos europeos, nunha infraestrutura vital que está en proceso de licitación”.

Destacou o incremento económico para o Consorcio de Santiago que “por vez primeira en moitos anos, vai ter un 10% en tres anualidades sucesivas para cuestións relativas á rehabilitación, mantemento e conservación da cidade histórica”. Lembrou que o 25 de xullo de 2021 houbo unha xuntanza do Real Padroado onde se xuntaron os daquela alcalde, presidentes da Xunta e do Estado para anunciar que ía haber un investimento de 281 millóns de euros para Santiago de Compostela, uns deles canalizados a través de fondos europeos e outros de maneira directa. “Para comezar a ser unha realidade tivo que chegar este acordo de investidura, cun incremento para o Consorcio que non é totalmente satisfactorio pero representa un avance a respecto do que había”, indicou.

O documento inclúe a denominación da estación intermodal Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, tal e como aprobou o conxunto da Corporación do Concello de Santiago, “para que as persoas que nos visitan por un lado teñan o aeroporto Rosalía de Castro e por outro a estación intermodal Castelao, que son dous referentes fundamentais”. Iso irá acompañado dun espazo expositivo con grafismo do autor para que nunha primeira ollada xa se poida saber o pensamento e o compromiso da súa obra.

Goretti Sanmartín referiuse ás reducións das peaxes da AP-9, bonificacións do transporte, incremento de pensións, a creación dun xulgado de violencia de xénero e infraestruturas que tamén terán repercusión en santiagueses e santiaguesas.

Pontón: “Este acordo mellora a vida dos veciños e veciñas de Santiago”

Na comparecencia, a líder do BNG destacou que se trata dun acordo que ten un impacto “especialmente positivo e inmediato” para a cidade, un acordo co que Santiago gana.

“Gana porque contará con máis medios para loitar contra a violencia machista, para avanzar en igualdade e liberdade, en feminismo, porque terá máis recursos para construír a nova EDAR, unha infraestrutura básica para esta cidade, gana porque recibe máis fondos para conservar e rehabilitar o seu extraordinario centro histórico”, destacou Pontón.

A portavoz nacional tamén subliñou que o acordo trae a Compostela melloras substanciais nas infraestruturas por estrada e por tren, ademais do simbolismo de darlle a estación intermodal o nome dun dos galegos máis ilustres, -Daniel Castelao-, contribuíndo á difusión e ao coñecemento da obra deste artista universal desde a capital de Galiza.

“En definitiva, Santiago e a súa veciñanza ganan con este acordo, ganan coa política útil do BNG que utiliza a súa forza no Congreso para mellorar a vida da xente, en positivo e sei que Goretti, como alcaldesa, vai aproveitar ao máximo ás oportunidades que este acordo aporta a Compostela”, concluíu.

Rego: “Os intereses de Galiza por diante”

“Este é un acordo especialmente relevante porque recolle unha serie de medidas e solucións que a sociedade galega reclamaba e que o BNG viña defendendo durante moito tempo” comeza o deputado nacionalista.

De entre estas medidas, continúa Néstor Rego, destaca a condonación da débeda “análoga” á Galiza que terá un impacto económico relevante. Así mesmo, avanza que en 2024 materializarase unha demanda histórica da sociedade compostelá: “a creación dun xulgado específico de violencia de xénero en Santiago, así como noutras cidades do País”.

“O BNG consegue impulsar un Plan Integral de modernización da rede ferroviaria galega con actuacións concretas, definidas e limitadas no tempo e que terán que ter un reflexo nos orzamentos de 2024” salienta. “Amplíanse as bonificacións da AP-9, chegando até 75%, e agora tamén bonificacións na AP-53. Dúas das tres autoestradas máis caras do Estado e con concesións de longa duración” destaca Néstor Rego.

En conclusión, o deputado do BNG reflexiona sobre “a preocupación do PP con este acordo” cambiando as súas declaracións ao respecto e “o deixou descolocado”. “O BNG seguirá pondo os intereses da Galiza sempre por diante de todo e este acordo é un exemplo”, explicou.

 

Goretti Sanmartín: “O BNG consegue 14 millóns de euros de investimentos para Santiago no acordo de investidura co PSOE”