PLENO

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Míriam Louzao e Gonzalo Muíños na rolda de prensa
María Rozas, Míriam Louzao e Gonzalo Muíños na rolda de prensa

Míriam Louzao, Gonzalo Muíños e María Rozas presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2023.- Os grupos do BNG, PSdeG e CA anunciaron a presentación dunha moción ao Pleno de novembro para demandarlle á Xunta que asuma a súa competencia e realice o investimento necesario para ordenar a mobilidade no recinto do CHUS e crear novas prazas de aparcadoiro.

Así, a portavoz do BNG, Míriam Louzao, explicou en rolda de prensa que a poboación de Santiago representa o 22% do conxunto dos 46 concellos da área sanitaria, o que supón un agravio para a veciñanza compostelá que a Xunta esixa 4,3 millóns de euros cando é algo que lle corresponde asumir á administración galega porque é da súa competencia.

“Presentamos esta moción ao Pleno, co sentir maioritario da veciñanza de Santiago e da área sanitaria, para acabar co caos de tráfico existente no recinto do CHUS e reclamámoslle á Xunta que, dunha vez por todas, asuma a súa competencia e realice o investimento necesario para ordenar a mobilidade no recinto do CHUS e crear novas prazas de aparcadoiro, ademais de buscar unha solución provisional de estacionamento mentres duren as obras de ampliación do CHUS”, explicou.

O portavoz do PSdeG-PSOE, Gonzalo Muíños, amosouse especialmente crítico coa actitude de Borja Verea, a quen acusou de estar instalado na “autocomplacencia e na defensa do seu partido”, afeándolle que coa súa actitude “esquécese de que se presentou ás municipais para representar a Santiago e non para ser o portavoz da Xunta”. O edil socialista acusou a Verea de “deslealdade cos contribuíntes de Santiago” porque “se por el fose, estarían financiando un aparcadoiro que usaría media Galicia”.

Recorda que o CHUS dá servizo a 46 concellos, incluso fóra da provincia de A Coruña, polo que insiste en que se trata dun equipamento supramunicipal que, ademais, queren situar nunha parcela da exclusiva propiedade da Xunta: “hoxe o Grupo Socialista ponse do lado das veciñas e veciños de Santiago, nunha fronte común para defender os seus intereses e para instar á Xunta a cumprir coa nosa cidade” asegurou o seu portavoz que, recalcou, “o que estamos pedindo é un trato igual ao das demais cidades”.

María Rozas explicou que “o único que lle estamos a pedir á Xunta é que asuma as súas competencias”. Nese sentido, a portavoz municipal de Compostela Aberta lamentou que “teñamos que seguirlle lembrando ao Goberno galego unha obviedade: que o Complexo Universitario de Santiago é un equipamento sanitario de ámbito supramunicipal, que o centro de protonterapia será o centro de referencia para toda Galicia e mesmo para todo o noroeste peninsular, e que o Concello de Santiago non pode asumir os custos que esas dotacións van supoñer en canto á mobilidade e o aparcamento”.

A concelleira de Compostela Aberta reiterou que o CHUS dálle servizo a 46 concellos que suman unha poboación de máis de 450.000 persoas, e Santiago representa o 22% desa cifra, “unha porcentaxe que marca a diferenza con respecto a outras cidades e outros equipamentos sanitarios”. María Rozas insistiu en que “o Concello ofrécelle á Xunta toda a colaboración, pero sen esquecer que o recinto do CHUS é propiedade do SERGAS e a xestión da mobilidade no seu interior correspóndelle á administración autonómica”.

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS