ELECCIÓNS
O BNG organiza un acto este sábado en Santiago para a reivindicación da memoria histórica e do Pazo de Meirás
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2020.- O BNG organiza un acto público de reivindicación da memoria histórica sobre o espolio de Meirás con Goretti Sanmartín, Néstor Rego e Xosé Luís Rivas “Mini”. Será este sábado ás 11:30 na praza de Cervantes, en Santiago de Compostela.
Ao fío do xuízo do vindeiro luns para a recuperación do Pazo de Meirás como ben público, iniciado por un recurso do Goberno do Estado contra a familia Franco, a Deputación da Coruña participará na vista como parte interesada, posto que impulsou a Xunta Pro-Devolución do Pazo de Meirás co obxectivo de contribuír á xustificación documental e legal, mediante un informe histórico a cargo do profesor Emilio Grandío en colaboración cos investigadores Carlos Babío e Manuel Pérez e un informe xurídico realizado por Xabier Ferreira.
Ademais, con este acto público do BNG preténdese lembrar que as “19 de Meirás” están pendentes dun xuízo no Tribunal Supremo, logo de realizaren unha acción simbólica en agosto de 2017 que foi desenvolvida de xeito pacífico durante unha xornada de apertura do inmóbel co propósito de reclamar a devolución do pazo ao pobo galego e a reparación das vítimas do franquismo, ao considerar unha anomalía democrática que aínda siga en mans da familia do ditador. Por esta acción, que serviu para reactivar o debate social e político, a Fundación Franco e familiares do ditador esíxenlles 13 anos de cadea e 500.00 euros de multa.