BANQUETE DE CONXO
O BNG organiza unha visita guiada por Henrique Alvarellos ao emprazamento do Banquete de Conxo
A recuperación deste espazo emblemático foi produto dun acordo plenario impulsado polo BNG e da negociación dos Orzamentos
Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2018.- O escritor Henrique Alvarellos realizará unha visita guiada no aniversario do Banquete democrático de Conxo, para lembrar que en 1856 se celebrou neste espazo un brinde, pola liberdade e a fraternidade, entre estudantes e obreiros. De aquí xurdiu a xeración impulsora do Rexurdimento da cultura galega. A visita, organizada polo BNG, sairá o venres 2 de marzo ás 17:30 h. do CSC de Conxo e está aberta á participación das persoas que teñan interese en coñecelo.
Este enclave ten a súa importancia histórica e simbólica para Santiago de Compostela e para Galiza, pois no Banquete de Conxo se fraguou un movemento político no que participaron Manuel Murguía, Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal, Luís Rodríguez Seoane e mesmo se di que participou Rosalía de Castro, ademais de estudantes e de artesáns con tendencias democráticas e de compromiso co país.
Trátase dun lugar emblemático que o Pleno do Concello de Santiago se comprometeu a acondicionar pola súa significación histórica no contexto de emerxencia dun movemento que daría pé ao galeguismo político. Esta iniciativa presentada polo BNG en abril de 2014 foi aprobada por unanimidade sen que, durante varios anos, se procedese á súa execución até que se incluíu na negociación dos Orzamentos e deste xeito se impulsaron as obras para a súa recuperación.
O emprazamento do Banquete democrático de Conxo foi recuperado, así, logo de moitos anos en situación de abandono, grazas á iniciativa do BNG para convertelo nun espazo atractivo con sinalización para a súa visita e paneis explicativos para lembrar a historia do lugar.