O BNG organizou un reparto informativo no mercado de abastos contra a corrupción
Rubén Cela demanda responsabilidade para apartar a todo cargo público que ten imputacións por presuntos delitos de corrupción ou por malas prácticas de carácter grave no ámbito municipal
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2014.- O BNG de Santiago organizou no mercado de abastos un reparto de material informativo contra a corrupción. Estes días dicía o alcalde Currás que os do BNG somos os do non e ten razón: somos os do non á corrupción, os do non ao desgoberno de Santiago e os do non a danar a imaxe da cidade, explicou Rubén Cela en declaracións aos medios de comunicación.
Estaremos na rúa as veces que faga falta e, por suposto tamén no Concello, para evidenciar unha situación que non é normal e á que o BNG non está disposto a lle dar carta de normalidade, ao ter un grupo de Goberno con 10 dos seus 13 membros imputados nas diferentes causas xudiciais abertas contra o PP de Santiago de Compostela, indicou.
Lembrou Rubén Cela que hai xusto un ano do Pleno extraordinario que se convocou pola presión dos grupos da oposición, non por vontade do Goberno, onde se analizaba por primeira vez a situación xudicial que vivía este concello. Dun ano a hoxe, o único que pasou foi que empeorou esta situación, á operación Pokemon sumóuselle a Manga, o caso Carril, o caso das facturas falsas e máis recentemente o da defensa pagada ao concelleiro Adrián Varela, engadiu.
O BNG demanda para este 2014 celeridade á xustiza e responsabilidade a todos os grupos políticos, que comeza por apartar a todo cargo público que ten imputacións por presuntos delitos de corrupción ou por malas prácticas de carácter grave no ámbito municipal.
De persistir nesta situación, á parte dunha irresponsabilidade política, provócase un dano e un deterioro inmenso á imaxe de Santiago, un afastamento e desafección da veciñanza cara ás súas institucións e un prexuízo para o funcionamento ordinario do Concello, que acaban pagando os pratos rotos quen non os rompeu: a cidadanía de Santiago de Compostela.