BNG pide no Congreso comparecencias de Adif e Renfe por ignorar informes sobre o perigo de Angrois
A deputada Rosana Pérez afirma con rotundidade que está claro por que o PP non quer a Comisión de Investigación que o BNG leva demandando desde hai meses; non están a dicir a verdade
Madrid, 17 Xaneiro 2014. A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou esta mañá as comparecencias urxentes dos máximos responsábeis de Adif e Renfe ante a revelación da existencia dun informe realizado polo xefe de maquinistas de Ourense en decembro de 2011 alertando dos perigos e dos riscos na brusca redución da velocidade na tráxica curva de Angrois.
A deputada do BNG salienta que este informe dun profesional ferroviario, feito máis dun ano e medio antes do sinistro do Alvia, deixa ás claras as deficiencias, os fallos e os problemas de seguranza observados na liña de alta velocidade Ourense-Santiago.
O BNG leva meses pedindo a Comisión de Investigación á que o PP se nega
Para Rosana Pérez este informe e outros moitos factores deixan en evidencia por que razón o PP se nega á Comisión de Investigación. Algo que tampouco é do agrado do PSOE. Saben que están a silenciar elementos clave sobre a seguranza, saben que houbo fallos e erros no sistema de seguranza, que houbo presas por inaugurar a liña, que houbo recurtes na seguranza ferroviaria e saben que se desatenderon advertencias como as que estamos a coñecer.
A deputada do BNG lembra que o BNG leva meses levando ás xuntas de portavoces do Congreso a demanda de que se constitúa unha Comisión de Investigación. E sempre nos atopamos coa negativa do PP.
Sinala que a Subcomisión de estudo sobre o sistema ferroviario que é o único ao que accedeu o PP pero con moitos límites, censuras e depuracións, non é o que se precisa para despexar todos os interrogantes, depurar as responsabilidades políticas que houber e coñecer a verdade.
A parlamentar nacionalista enfatizou que o BNG vai continuar a traballar no Congreso pola Comisión de Investigación porque é necesaria, e porque así o demandan as familias e víctimas do terríbel accidente.
Rosana Pérez afirma que cada vez hai máis elementos que indican que houbo responsabilidades políticas polas deficiencias nos sistemas de seguranza ferroviaria na liña Ourense-Santiago. Engade que unha cousa é o proceso xudicial que seguirá o seu curso, pero outra é unha Comisión de Investigación parlamentar para depurar responsabilidades políticas.