O BNG preguntará no Pleno polas obras de reforma das instalacións deportivas de Conxo
Os contratos adxudicáronse en agosto cun prazo de execución de mes e medio
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, presentou unha pregunta para resposta oral no Pleno sobre as obras das instalacións deportivas de Conxo, en concreto a conexión exterior das redes de servizos e a reforma do campo de fútbol.
Na Xunta de Goberno local do 7 de agosto de 2015 adxudicáronse os contratos de conexión exterior das redes de servizos e da adecuación das instalacións existentes na área deportiva de Conxo, por 80.268 euros mais IVE, e tamén o proxecto básico e de execución de reforma do campo de fútbol de Conxo, por 246.000 euros mais IVE.
Estes contratos formalizáronse o 18 e o 19 de agosto, respectivamente, e o primeiro tiña un prazo máximo de execución de mes e medio. Ao abeiro deste contrato, a empresa adxudicataria comprometíase, ademais, á construción dunha zona de quecemento e adestramento, xunto co subministro de dúas unidades de bancadas para suplentes.
Por estes motivos, transcorridos máis de cinco meses da adxudicación do contrato, o BNG quere saber en situación se atopan estas obras.