O BNG reivindica un Plan galego de emprego feminino neste 8 de marzo
Goretti Sanmartín Rei defenderá unha moción no Pleno para que o Concello de Santiago chame á participación nos actos dos colectivos feministas
Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2016.- O grupo municipal do BNG de Santiago trasladará unha moción ao vindeiro Pleno relativa ás reivindicacións do 8 de marzo para reclamar un Plan galego de emprego feminino.
Segundo explicou a concelleira Goretti Sanmartín Rei, con esta esta iniciativa quérese instar ao Goberno da Xunta de Galiza a dar cumprimento ao artigo 37 da Lei do traballo en igualdade das mulleres de Galiza e a elaborar un Plan galego de emprego feminino que inclúa, entre outras medidas, axudas específicas para a creación de empresas femininas, con especial atención ás mulleres mozas e ás de máis de 45 anos. Defende tamén a posta en marcha dunha Renda de Inserción Laboral para mulleres desempregadas de máis de 50 anos, cunha vida laboral igual ou superior a 30 anos de cotización e que tivesen esgotado as prestacións.
Ademais, a moción servirá para instar ao Goberno da Xunta a elaborar un Plan de corresponsabilidade que inclúa actuacións para facilitar a conciliación da vida persoal e familiar conforme a lexislación vixente.
No último punto require que o Concello apoie publicamente e chame á participación das veciñas e veciños nos actos e reivindicacións das organizacións e colectivos feministas con motivo do 8 de marzo.
Defensa de dereitos ante a crecente precariedade laboral
A data do 8 de marzo reivindica e simboliza a loita incansábel das mulleres do mundo na defensa dos seus dereitos laborais e a defensa da igualdade, explicou Goretti Sanmartín, e neste marzo de 2016 a realidade continúa a evidenciar que a crise agravou a situación de desigualdade e precariedade das mulleres.
Diante do discurso falaz da igualdade conseguida, diversos estudos, informes e enquisas recollen datos sobre a crecente situación de precariedade laboral e traballo vulnerábel que viven as mulleres galegas. A fenda salarial segue a ser unha realidade aínda por combater diante da que as institucións non interpoñen medidas, recolle o texto da iniciativa. Ademais, son as mulleres quen lideran as estatísticas de emprego temporal e parcial. No que atinxe ao traballo non remunerado, as desigualdades no reparto das responsabilidades repercuten negativamente sobre as mulleres que tamén sofren a sobrecarga derivada da redución do apoio ás necesidades de coidados, sinala o documento que se debaterá no Pleno.