ELECCIÓNS

O BNG presenta unha campaña cunha candidatura “renovada e interxeracional” para gobernar Santiago de Compostela

mulleres 052
Presentación

Abrirá co acto “40 anos de nacionalismo no Concello de Santiago” previsto para o sábado 11 de maio ás 12:00 no Centro Sociocultural do Ensanche

O BNG presenta unha campaña cunha candidatura “renovada e interxeracional” para gobernar Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2019.- A  cabeza de lista do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, e Pilar Lueiro, coordinadora de campaña, avanzaron as liñas “para dar a coñecer o programa e a candidatura á veciñanza”. “Chegamos a estas eleccións para que a veciñanza recoñeza que temos experiencia de goberno, sabemos gobernar e queremos gobernar, porque Santiago merece máis”, afirmou Pilar Lueiro.

“Aínda que Goretti leva catro anos na Corporación e ocupou diversos cargos no BNG, a nós interésanos que a veciñanza coñeza a súa xestión como vicepresidenta da Deputación Coruña”, explicou Pilar Lueiro. “Grazas ao traballo de Goretti Sanmartín na Deputación, Santiago recibiu 8 millóns de euros do Plan Único nestes últimos catro anos e participou activamente na programación de festivais como WOS, Galicreques, Cineuropa e Cortocircuíto, ademais de promover o Parque Rupestre de Compostela”, engadiu.

Destacou tamén que moitas asociacións e fundacións da cidade recibiron axudas polas liñas de subvencións concorrencia competitiva, xunto con proxectos de iniciativa privada, mediante a liña de proxectos singulares. Resumiu o labor de Goretti Sanmartín realizado na Vicepresidencia da Deputación da Coruña como “unha xestión fiábel, transparente e dialogante con entidades e colectivos”.

“O BNG percorrerá rúa a rúa e barrio a barrio coa carpa, durante os 15 días de campaña para dar a coñecer o programa e a candidatura”, destacou, “porque non contamos con locais no centro de Santiago e a nosa campaña vai ser modesta, mais vai ser moi intensa no boca a boca coa xente”. Tamén están organizados actos sectoriais e coa veciñanza, “que comezarán este venres ás 20:00 no Centro Sociocultural do Castiñeiriño e continuaremos en Figueiras, A Rocha, Sar e Fontiñas”. Os encontros sectoriais serán co ensino, delegados/as sindicais, mulleres e xuventude, entre outros. Ademais, o BNG contará cunha revista que se distribuirá en todas as vivendas e con publicacións para repartir en man.

Pola súa parte, Goretti Sanmartín explicou que o reto de Santiago é a reindustrialización, “unha tarefa pendente, lembrando que Santiago foi no século XVIII a primeira cidade en industria do país, con curtidorías e papel, e había Banca”. “Queremos conseguir que Santiago non sexa un simple escenario, unha maqueta, un decorado; no BNG queremos que haxa futuro industrial, comercio e empresas para xerar emprego”, sinalou.

“A candidatura do BNG continúa o traballo, a forza e a enerxía de décadas dun labor intenso tanto no goberno como na oposición, neste caso preséntase cun equipo renovado e interxeracional, que parte da veciñanza e da introdución que ten o BNG no asociacionismo cultural, veciñal, ecoloxista, feminista”, indicou, e “esta candidatura local forma parte dunha estratexia de país, da Galiza e do modelo de concellos que queremos”.

Tamén existe unha moi boa lembranza das iniciativas impulsadas polo BNG nos co-gobernos de Santiago, para iso organiza un acto público no inicio de campaña de “40 anos de nacionalismo no Concello de Santiago”, coa participación de persoas que foron concelleiros e concelleiras, que será este sábado 11 de maio ás 12:00 no Centro Sociocultural do Ensanche.

O BNG presenta unha campaña cunha candidatura “renovada e interxeracional” para gobernar Santiago de Compostela