O BNG presenta emendas aos Orzamentos da Xunta para Santiago por valor de 13,2 millóns
Rubén Cela: Apostamos por unhas emendas realistas que con vontade política pódense traducir en feitos para a nosa cidade
Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2013.- A deputada Ana Pontón e o portavoz do grupo municipal, Rubén Cela, presentaron en rolda de prensa as emendas do BNG aos Orzamentos xerais da Xunta de Galiza destinados a Santiago de Compostela. En total son 11 emendas nas que se reclaman 13,2 millóns de euros máis en partidas específicas para a nosa cidade.
En concreto, o BNG reclama medio millón de euros para o centro de saúde de Conxo; medio millón para a Escola oficial de idiomas; 2 millóns de euros máis para o Estatuto de Capitalidade; 1 millón de euros máis para a variante de Aradas; 1,5 millóns de euros de infraestruturas básicas de saneamento; 1,7 millóns de euros para rehabilitación e vivenda de protección pública; 1 millón de euros para ampliación e supresión de barreiras arquitectónicas nos CEIP de Roxos e Monte dos Postes; 200.000 para dotar de escola infantil o barrio do Castiñeiriño; 2,9 millóns para o Consorcio e 2 millóns de euros para un plan de aeroportos.
Estes orzamentos da Xunta de Galiza, seguindo a senda dos anteriores, non son bos para a cidade, por iso imos intentar mellorar este documento con 13,2 millóns de euros de propostas concretas para Santiago de Compostela aos que haberá que sumar outras de carácter transversal das que tamén se beneficiará a nosa cidade, explicou Ana Pontón.
Para Ana Pontón os plans existentes en materia de aeroportos por parte do Ministerio de Fomento e da Xunta son plans fantasma e propagandísticos que fan que non avancemos polo que é necesario dotarse dun plan no que ademais da promoción turística tamén se debe abrir o proceso de transferencia de competencias en materia aeroportuaria.
Para o BNG, o centro de saúde de Conxo é importante para reforzar o sistema sanitario na nosa cidade. Ademais, lembrou que a Xunta de Galiza leva anos de incumprimentos dos acordos co Consorcio de Santiago e co Estatuto de Capitalidade, por iso o BNG esixe que se comprometa co que tiña acordado sobre asignacións anteriores.
Rubén Cela explicou tamén que se poderían facer máis emendas e por cantidades maiores pero apostamos por unhas emendas realistas que con vontade política pódense traducir en feitos para a nosa cidade, concluíu.