Rubén Cela: Os Orzamentos da Xunta, un ano máis, non están á altura da capital de Galiza
O Goberno de Feijóo evidencia o fracaso da súa política
Moito nos tememos que se o que aparece no papel é malo, o que se vaia executar neste ano 2014 será peor
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2013.- A deputada Ana Pontón e o portavoz municipal do BNG en Santiago, Rubén Cela, ofreceron unha rolda de prensa para analizar os orzamentos da Xunta para a cidade. Estes orzamentos evidencian o fracaso das políticas de Feijóo e son un paso máis na ruína económica e social de Galiza, expresou Ana Pontón. O alcalde da cidade segue sen antepor os intereses da cidade aos do seu partido, afirmou Rubén Cela, está claro que o PP non aposta por Santiago e non trata esta cidade como capital de Galiza.
Estes orzamentos da Xunta de Galiza, seguindo a senda dos anteriores, non son bos para a cidade nin valerán tampouco para que este país saia da crise o antes posíbel. Moito nos tememos que se o que aparece no papel é malo o que se vaia executar neste ano 2014 será peor, indicou o portavoz nacionalista.
Para Rubén Cela, esta é a enésima proba do pouco peso político e do escaso liderado que ten o alcalde compostelán, no seu partido, á vista dos números e do caso que lle fan, débeno dar xa por amortizado, vén de demostralo cos Orzamentos Xerais do Estado e agora cos Orzamentos da Xunta de Galiza.
Sinalou tamén que estes orzamentos significan que non se vai construír nin unha soa vivenda de protección pública por parte da Xunta de Galiza en Santiago de Compostela, seguindo a senda do ano anterior, só hai unha partida de 154.789 euros para rehabilitación. Denunciamos noutras ocasións as partidas pantasmas e o tempo dános a razón, o compromiso do Polígono Tecnolóxico de San Marcos queda no esquecemento, non se vai pór un só ladrillo da nova Escola Oficial de Idiomas cunha partida de 40.000 euros, nin se vai executar a variante de Aradas, imprescindíbel para a nosa cidade, cunha partida ínfima. Tamén desaparecen destas contas o cinto oeste da cidade e o centro de saúde de Conxo a pesar de ser compromisos adquiridos pola Xunta con anterioridade, afirmou o portavoz municipal nacionalista.