Rubén Cela afirma que non por previsíbel é menos grave a nova imputación do alcalde de Santiago
Santiago precisa dunha limpeza a fondo e dun profundo proceso de rexeneración democrática; existe outro xeito de gobernar diametralmente oposto ao do PP
Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2013.- O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, afirmou logo da nova imputación do alcalde no caso Carril por prevaricación e acoso que fora sobresido provisionalmente- que non por previsíbel é menos grave esta imputación que, por desgraza, se está a converter nunha rutina en Compostela.
Asistimos a un capítulo máis dunha historia interminábel que asina o PP de Santiago e edita o PP de Galiza, pois é culpábel quen o comete e responsábel quen consente que iso se faga, o que nos leva a unha situación esperpéntica e terríbel para a nosa cidade, indicou. Segundo explicou, hai un alcalde triplemente imputado, un alcalde suplente dobremente imputado e a dez de trece concelleiros que conforman o grupo de goberno imputados nalgunhas das diferentes causas xudiciais que ten aberta a Xustiza contra o Goberno popular do Concello de Santiago.
Rubén Cela indicou ademais que o grupo municipal nacionalista respecta a presunción de inocencia e considera que deberá ser a Xustiza ordinaria quen ditamine neste caso e noutros se hai unha conduta delituosa, as consecuencias legais e o seu alcance.
Agora ben asegurou- hai elementos de xuízo de sobra para esixir responsabilidades de tipo político porque sabemos, cando menos, que houbo un xeito de proceder á hora de intentar expedientar un traballador público absolutamente inaceptábel, un reflexo perfecto do xeito de gobernar do PP de Santiago, cunha absoluta falta de respecto aos traballadores e traballadores municipais, ás normas e ás leis, á oposición e á institución, e á cidadanía. Sinalou tamén que o alcalde era coñecedor do que acontecía, porén non o evitou nin o denunciou, como se transloce da investigación.
Concentración simbólica este venres
O BNG vai seguir a denunciar estes feitos con contundencia, tanto no ámbito institucional como na rúa, sinalou, por iso vai facer parte este venres ás 12:00 na praza de Galiza da concentración simbólica convocada pola Plataforma contra a Corrupción, xunto con outros colectivos sociais da cidade para esixir a dimisión deste Goberno local do PP.
Santiago precisa dunha limpeza a fondo e dun profundo proceso de rexeneración democrática; existe outro xeito de gobernar diametralmente oposto ao do PP, asegurou. Poderanse cometer erros, pero dende a honradez, a transparencia e a vocación de servizo a Santiago e á súa veciñanza e non a ningún outro tipo de intereses, engadiu.