O BNG presenta emendas aos Orzamentos Xerais do Estado para axilizar a depuradora
Adoptar melloras de seguridade viaria nos accesos á cidade de Santiago é outra das prioridades
O BNG centrouse nas emendas de incremento de medidas de carácter social, especialmente na dependencia e no ensino
Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2013.- O BNG rexistrou emendas aos Orzamentos Xerais do Estado para 2014 para a reactivación dos sectores produtivos e o fortalecemento dos servizos públicos e que, no caso concreto da cidade de Santiago, céntranse ademais en partidas de infraestruturas destinadas á estación depuradora (3 millóns de euros), saneamento previo á nova EDAR coa conexión Sar-Pontepedriña (3 millóns de euros), o acceso ao polígono do Tambre (1,5 millóns de euros), estación intermodal e seguridade ferroviaria (3 millóns de euros), actuacións de mellora da seguridade viaria na N-550 na Sionlla e na N-525 ao seu paso polo Eixo (1.000.000 euros) e o proxecto de musealización do Museo da Cidade e das Peregrinacións (1,3 millóns de euros).
Así, o portavoz municipal do BNG Rubén Cela e a deputada no Congreso Rosana Pérez explicaron en rolda de prensa o contido destas emendas coincidindo que hoxe remata o prazo de presentación de emendas parciais no Congreso. O BNG ten amosado a súa discrepancia cos orzamentos 2014 por consideralos desequilibrados, por exemplo oitocentos millóns de euros van destinados á alta velocidade, máis concretamente, para o tramo Lubián-Ourense mentres quedan sen cubrir cuestións importantes como o saneamento das rías, o naval ou a EDAR de Santiago, dixo a deputada nacionalista. O groso das nosas emendas van dedicadas á parte social, non hai que esquecer que co recorte que sofre o Ministerio de Sanidade a dependencia queda finiquitada. O BNG aposta por un ensino público e de calidade e neste sentido solicitamos melloras nas partidas para bolsas en xeral e para libros de texto en particular, así como que se dote de máis partida presupostaria a I+D+I e se manteñan as axudas aos nosos investigadores, engadiu.
Segundo explicou Rubén Cela, os orzamentos non son bos para a cidade porque non recollen as liñas prioritarias de investimento para 2014, como a estación depuradora, o túnel de Conxo, os accesos ao Polígono do Tambre, o Museo da Cidade e das Peregrinacións ou a infraestrura do CSIC. Volvemos reiterar a falta de peso político do alcade , Ángel Currás, e o fracaso do Partido Popular na nosa cidade, dixo.
Seguridade viaria
O acceso ao Polígono do Tambre queda esquecido nos Orzamentos polo que no BNG entendemos que cómpre que haxa un millón e medio de euros para facer realidade esta infraestrutura, explicou.
As medidas de seguridade viaria no Eixo ou na Sionlla non aparecen nos Orzamentos, de aí que o BNG propoña destinar un millón de euros para darlle solución aos problemas de sinistralidade viaria. Deste xeito, Rubén Cela lembrou que o BNG leva rexistradas varias iniciativas no Congreso para adoptar medidas de accesibilidade e de seguridade viaria dado o aumento de tráfico rodado nestas vías como consecuencia da diminución da circulación pola autoestrada de peaxe.
Depuradora
Os Orzamentos do Estado atrasan o groso do investimento o que nos sitúa, sendo optimistas, o remate da obra para o 2020 ou 2021 no mellor dos casos, é por iso que solicitamos 3 millóns de euros para a EDAR e tamén para o saneamento previo á construción desta coa conexión Sar-Pontepedriña, sinalou o concelleiro do BNG.
Estación Intermodal de Santiago e seguridade ferroviaria
Todos os compromisos realizados até o de agora polo señor Currás a respecto da Estación Intermodal de Santiago quedan en papel mollado con estes orzamentos. Dende o BNG facemos unha aposta pola seguridade viaria e pola estación que merece a nosa cidade, indicou.
Musealización Museo da Cidade e das Peregrinacións
Rubén Cela sinalou que temos funcionando no centro de Santiago, ao carón da catedral un Museo da Cidade e das Peregrinacións que o único que ten de museo,polo momento, é o rotulo de fóra. Actualmente é unha sala de exposicións, non é un museo porque o alcalde, Ángel Currás, foi incapaz de garantir que o Estado execute o proxecto de musealización.
Poderiamos facer emendas a outros moitos ámbitos mais quixemos priorizar para facer unha proposta real. Esperamos que as aproben e as executen, non ocorra como no pasado ano coa emenda aprobada de 2 millóns de euros para o túnel de Conxo dos que se executaron cero euros, concluíu.