O BNG avogará no Pleno pola paralización da venda de NovaGalicia Banco
É entidade sistémica para Galiza e debe ter os centros de decisión aquí, porque que é fundamental para o aforro galego e para os sectores produtivos do noso país
Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2013.- O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, presentou unha iniciativa que o BNG defenderá no vindeiro Pleno destinada a solicitar a paralización da venda de NovaGalicia Banco, xa que as persoas estafadas polas participacións preferentes non recuperaron aínda a totalidade dos seus aforros.
Referiuse así á preocupación do BNG sobre a situación que atravesa NovaGalicia Banco e as consecuencias prácticas en Santiago de Compostela, relativas a unha eventual perda de postos de traballo; a un futuro incerto nas infraestruturas culturais como os auditorios do Preguntoiro, da praza de Cervantes, da rúa do Vilar e de Carreira do Conde; así como á propia obra cultural e social que lle afecta tanto ao Museo do Pobo Galego, como a actividades sociais, deportivas e festivas; ademais da concesión de créditos para pequenas e medianas empresas da cidade.
Para o BNG foi sempre motivo de preocupación a situación que atravesan veciñas e veciños atrapados na estafa das preferentes, afirmou, é indispensábel que antes dunha eventual venda de NovaGalicia Banco quede resolto de xeito definitivo este problema. Lembrou ademais que a arbitraxe non tivo a relevancia doutras comarcas do país e os datos achegados pola propia entidade financeira de máis de 60 millóns de beneficio no que vai de ano -que multiplican por cinco as estimacións iniciais- ou que teña débeda amortizada a maioristas en máis de 900 millóns de euros só no mes de setembro coa previsión de amortizar no curto prazo máis de 1.000 millóns de euros ao Banco Central Europeo.
Deste xeito, a formación nacionalista demandará no Pleno que o Concello de Santiago inste ao FROB á paralización de NovaGalicia Banco e que ese proceso non se culmine mentres non se dea unha resposta satisfactoria aos veciños e veciñas afectados pola estafa das preferentes, explicou Rubén Cela.
Segundo explicou o portavoz municipal, para o BNG é fundamental tamén que o Estado español conciba NovaGalicia Banco como unha entidade sistémica para Galiza e, polo tanto, debe ter os centros de decisión aquí, porque que é fundamental para o aforro galego e para os sectores produtivos do noso país e, unha de dúas, ou segue como un banco galego independente ou se debería converter no xermolo dunha banca pública galega sobre todo se temos en conta que xa se gastaron máis de 9.000 millóns de euros de diñeiro público no rescate desta entidade. Non se pide nada máis nin nada menos que o que o PP pide en Madrid para Bankia, asegurou.
Anunciou tamén que os tres grupos municipais recibiron unha comunicación por parte da Plataforma de Afectados polas Preferentes para poder intervir no Pleno e a existencia desta moción do BNG pode facilitar, se o estima a xunta de portavoces, que poidan manifestar as súas demandas e preocupacións ante a súa situación.
Rubén Cela explicou, perante preguntas de xornalistas, que non se cumpriron os acordos aprobados por unanimidade pola Corporación no relativo, entre outros, a crear un rexistro municipal de persoas afectadas polas preferentes na cidade.