ELECCIÓNS

O BNG presenta un programa para gobernar Santiago nacido das propostas da veciñanza para mellorar a calidade de vida

presentacion.programa
presentación do programa

“Fronte aos prometrómetros que carecen de credibilidade, nós presentamos medidas concretas e coherentes; ideas realizábeis”, afirma Goretti Sanmartín

O BNG presenta un programa para gobernar Santiago nacido das propostas da veciñanza para mellorar a calidade de vida

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2019.- A  cabeza de lista do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, e a número 2 da candidatura, Navia Rivas, presentaron o programa do BNG para o vindeiro Goberno municipal destinado a mellorar a calidade de vida e que parte de propostas da veciñanza e do asociacionismo.

“É un programa completo que toca ámbitos como emprego e ensino, cultura, lingua e memoria histórica, mobilidade e seguranza viaria, xestión do rural, ambiental, transparencia, cun foco especial en políticas de igualdade e feminismo, un novo modelo de turismo, entre outros”, explicou Navia Rivas. “É un programa que configura un modelo de cidade enmarcado nun modelo de país que ten como horizonte mellorar as vidas de veciños e veciñas, que é o motivo polo que nos interesamos polo traballo político no BNG, que responde á nosa vontade de que Santiago sexa un bo concello para vivir, para traballar e do que sentírmonos orgullosas”.

Este programa está feito mais non está rematado, sinalou, segue a ser un programa aberto “porque recolle o resultado de consultas que fixemos co asociacionismo e coa veciñanza, mais seguiremos a incluír achegas durante a campaña e no período de catro anos que vén agora”. “No BNG cremos, firmemente, que non importan só as eleccións cada catro anos senón que o traballo continuo no día a día é o que nos move xunto coa participación continua da veciñanza mediante ferramentas, por exemplo, como os Consellos de Participación Cidadá que o BNG impulsou cando estivo no Goberno municipal con anterioridade”.

Pola súa banda, Goretti Sanmartín destacou que o programa con que o BNG concorre a estas eleccións parte das propostas da veciñanza. “Responde a necesidades concretas que detectamos nos últimos anos en que, desde a oposición, estivemos en contacto directo cos problemas dos barrios e das parroquias de Compostela  e dos que presentamos propostas en positivo para solucionalas”, indicou.

“Mais tamén parte da experiencia de goberno do BNG, dese aval de credibilidade que nos dá o traballo ben feito cando cogobernamos e que santiagueses e santiaguesas lembran perfectamente”, destacou. Así, o BNG organiza este sábado, ás 12:00 horas, no Centro Sociocultural do Ensanche, con Encarna Otero, Néstor Rego, Elvira Cienfuegos, Olga Pedreira, Xosé Manuel Iglesias, Socorro García Conde, Rafa Vilar, Manolo Portas e Rubén Cela, nun acto público.

“Fronte aos prometrómetros que carecen de credibilidade nós presentamos medidas concretas e coherentes, ideas realizábeis, sen renunciar, por suposto, a que algunhas delas sexan de carácter estrutural e, por tanto, teñan que planificarse no medio e longo prazo”, afirmou. “Nada peor que o curtopracismo e a falta de ambición para abordar as moitas necesidades da capital de Galiza”, engadiu a candidata do BNG.

Nos vindeiros días, o BNG debullará sector a sector as propostas que se presentan en 6 eixos temáticos:

1. Santiago capital

Orgullo de pertencermos a un lugar con historia. Saber quen somos para saber quen queremos ser, para impulsarnos de cara ao futuro. Cómpre recuperarmos peso político e, entre as medidas principais, temos o reto de actualizar o financiamento que debemos ingresar polos custos da capitalidade. Segundo os estudos existentes Santiago debera ingresar 5,5 millóns de euros polo Estatuto de Capitalidade, cando non chega nin á metade, recibindo pouco máis de 2,4 millóns, en cuestión relacionadas co IBI, a contaminación o patrimonio ou a limpeza.

2. Un concello para traballar

Sen ningunha dúbida, o reto de Santiago de Compostela é a reindustrialización e o emprego. Esa reindustrialización debe estar ligada á transformación da madeira e á investigación en Ciencias da Saúde, tendo como aliada principal a Universidade coa que tamén debemos traballar para ofrecer programas de recuperación do talento emigrado e evitar a fuga de cerebros a outros territorios, creando, entre outras medidas, un novo programa xunto á USC e centros de FP de prácticas remuneradas en empresas. Canto ao emprego, o BNG propón a Creación dun Consorcio como programa piloto onde poidan estar todas as administracións, representacións empresariais e sindicais e buscando novos nichos como o de atención social para crianzas e persoas maiores, un dos que maior demanda ten na actualidade.

3. Unha Compostela para vivir

No BNG, como xa levamos facendo en concellos como en Pontevedra, entendemos que a cidade debe ser pensada, por orde de prioridade, primeiro para persoas que van a pé, logo en bicicleta, despois para as que usan o transporte colectivo e, en último lugar para os coches. O BNG considera que para facer unha reforma da mobilidade duradeira no tempo, no próximo goberno debemos comezar pola creación de novos aparcadoiros públicos. Levamos no programa o aparcadoiro no campus sur para eliminar coches en superficie e dar servizo tamén ao comercio do Ensanche, e en Belvís, para dar servizo á Cidade histórica, tal como recolle o Plan Especial. Tamén é necesario mellorar o aparcadoiro do CHUS, con ampliación de prazas e tarifas baratas no parking existente. Apostamos pola zona ORA de balde, cun sistema similar ao de Pontevedra que funciona ben. Tamén queremos contornas seguras nos arredores dos centros escolares, maior iluminación nos pasos de peóns e pacificación do tráfico, para ter unha cidade onde persoas e ciclistas teñan prioridade. Cómpre mellorar os aparcadoiros de borde, con boas conexións de autobús cara ao centro. O transporte público debe ser accesíbel e confortábel, con dúas liñas pola mañá e outras dúas pola tarde para dar servizo ás parroquias do rural. Entendemos que é imprescindíbel que haxa un bus nocturno.

4. Unha Compostela do benestar socialmente xusta

Co BNG, o feminismo será un eixo transversal de toda a acción de goberno, tamén na mobilidade, e para nós é unha prioridade conseguir unha Compostela onde as mulleres poidan pasear sen medo. Canto aos Servizos Sociais, xulgamos imprescindíbel que estes se acheguen á poboación, que teñan presenza nos barrios. Teñamos en conta que 3600 persoas maiores de 65 anos viven soas en Santiago, case o 4% da poboación. Neste sentido, consideramos necesario incrementar os Puntos de Atención Social que hoxe atenden no Ensanche, Cabes, As Fontiñas e As Galeras; dotándonos dun punto máis no Castiñeiriño e dous especificamente para atender a poboación rural. Estes puntos deberán contar, cando menos cunha persoa traballadora social e unha educadora familiar. Tamén temos que incrementar as prestacións de pequenos centros de día de proximidade ou comedores públicos colectivos, por exemplo aproveitando antigas escolas ou espazos infrautilizados como algúns dos locais de Área Central.

5. Compostela capital cultural

O resumo da proposta do BNG é que Santiago sempre foi unha cidade da Cultura e que ten que recuperar ese importante papel, entendéndoo non só como simple programación, senón como creación e participación. O fundamental é a coordinación de todo o que se fai, desde os espazos municipais, desde os doutras administracións e os de salas privadas. A idea é que a xente veña a Santiago e, de paso, visite a Catedral. Para o BNG habería que traballar en dúas liñas:

- Descentralizar a programación: festival de barrios todo o ano, non só para as festas. Cultura dereito, alimento diario.

- Programar eventos de alta Cultura para nos relacionarmos en pé de Igualdade: Festival Internacional de Música.

6. Un Concello con xestión transparente e que funcione

Un concello facilitador. Imprescindíbel a Administración electrónica e o reforzo da Área de Urbanismo. Políticas ousadas que reformen a RPT e que a poñan ao servizo do conxunto da poboación, en diálogo co funcionariado.

O BNG presenta un programa para gobernar Santiago nacido das propostas da veciñanza para mellorar a calidade de vida