O BNG presenta unha proposta en aras de buscar o consenso no vindeiro Pleno de Organización
Permitiría, ademais, un aforro aproximado de 478.000 euros anuais con respecto ao período anterior
Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2015.- O grupo municipal do BNG de Santiago solicitoulle hoxe ao alcade de Santiago a convocatoria dunha nova Xunta de Portavoces para intentar desbloquear a falta de acordo cara a presentar unha proposta de consenso no vindeiro Pleno de Organización Municipal.
En aras de contribuír a ese desbloqueo, o BNG fíxolle chegar aos membros da Xunta de Portavoces unha posíbel proposta de consenso que inclúe todos os puntos que para o BNG son imprescindíbeis que se aborden en Pleno e non en Xunta de Goberno: dedicacións exclusivas, persoal eventual, direccións de área, presidencia das Comisións Informativas ou a representación do Concello en diferentes organismos supramunicipais, organismos autónomos e similares, entre outras cousas.
A proposta realizada, que non é a óptima para o BNG, senón a que entende que podería ser un punto de encontro entre todas as posicións mantidas nas anteriores xuntas de portavoces e que podería contribuír a desbloquear esta situación. Trátase dunha proposta que dota o goberno municipal e os grupos da oposición dos recursos humanos e materiais para cumprir as súas funcións atendendo a un criterio de representatividade obtida nas urnas, ao tempo que ten en conta a diferenza que existe entre o grupo de goberno e os grupos na oposición, ademais de buscar que todos os grupos municipais poidan participar en todos os organismos e entes en que o Concello de Santiago de Compostela está presente.
A proposta conxunta realizada polo BNG permitiría, ademais, un aforro aproximado de 478.000 euros anuais con respecto ao período anterior, que poderían ser empregados en ámbitos de especial necesidade como é o caso dos servizos sociais.
Con este xesto, o grupo municipal do BNG pretende seguir a manter unha actitude construtiva e favorecedora non só do diálogo, senón do achegamento real de posicións de cara a que Santiago recupere a normalidade institucional o antes posíbel.
O BNG non votou favorablemente á proposta formulada por Compostela Aberta no pasado Pleno de Organización, non polo seu contido concreto, senón polo que non contiña. Desde o BNG apoustouse, e seguirase a apostar, porque no Pleno Municipal se debata, como se fixo sempre, todo o paquete de cuestións organizativas no seu conxunto, como así o fai a proposta formulada no día de hoxe.
Nese sentido, coincide con dous dos compromisos electorais de Compostela Aberta: Acción 3.5. Recuperar a centralidade do Pleno do Concello como órgano decisorio e Compostela Aberta quere afondar en democracia, en certo modo, desfiando os atrancos normativos e antimunicipalistas da Lei 27/2013 (Estado) e da Lei 5/2014 (Galiza).
Por ese motivo, o BNG segue a manter que, aínda que a Lei de Grandes cidades imposta no seu día polo PP permita que algún deses puntos se puidesen aprobar unilateralmente polo goberno, se sigan a debater e a aprobar no Pleno Municipal como sempre se fixo en aras dun funcionamento o máis democrático e transparente posíbel.