O BNG presenta propostas no Pleno para a celebración do Día de Rosalía de Castro

Rosalía
Rosalía
“Faise necesaria unha campaña de difusión da pegada de Rosalía de Castro en Compostela”, sinala Goretti Sanmartín
O BNG presenta propostas no Pleno para a celebración do Día de Rosalía de Castro

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2021.- A portavoz do BNG no Concello de Santiago, Goretti Sanmartín, defenderá unha moción no Pleno para a celebración do Día de Rosalía de Castro de 2021. Deste xeito, propón que o Concello de Santiago de Compostela promova unha campaña para a difusión da imaxe e de versos significativos de Rosalía de Castro para que a veciñanza pendure de galerías, balcóns e fiestras o 24 de febreiro co fin de contribuír a difundir a súa obra.

Tamén propón que o Concello de Santiago de Compostela elabore e distribúa, de acordo cos centros educativos, materiais específicos relacionados coa súa ligazón á cidade para a difusión da obra de Rosalía de Castro entre o alumnado, ademais de colaborar coas actividades que promova a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) dotando orzamentariamente premios para colaborar na promoción e difusión da súa obra entre a comunidade educativa.

Para o BNG, é fundamental que o Concello de Santiago celebre o Día de Rosalía de Castro o 24 de febreiro, data do seu nacemento co obxecto de difundir a obra, o pensamento e o impulso ao idioma galego que supuxo a recuperación do uso literario por parte da escritora galega máis universal.

O seu libro Cantares Gallegos sinala o inicio do Rexurdimento coa restauración do uso escrito da nosa lingua e o final dos Séculos Escuros, ademais de retratar na súa obra as inxustizas que sufriu o pobo galego e de reivindicar a recuperación da súa dignidade. Na actualidade hai poemas de Rosalía de Castro traducidos a máis de 50 idiomas.

Moi ligada a Compostela

Rosalía de Castro estivo moi ligada a Santiago de Compostela, pois foi un dos lugares onde viviu, traballou e segue presente na súa obra, para alén de nacer no, naquela altura, Concello de Conxo, hoxe anexionado ao de Santiago. De feito, son moitos os espazos composteláns vinculados a Rosalía de Castro que tanto o alumnado como a veciñanza seguen a descoñecer.

Nese sentido, faise necesaria unha campaña de difusión da pegada de Rosalía de Castro en Compostela, co fin de conseguir incrementar a divulgación do seu pensamento e da importancia que tivo a súa obra para a recuperación e normalización da lingua galega no ámbito literario, ademais de ser pioneira en reivindicacións na defensa de dereitos para as mulleres.

Ningunha figura como a de Rosalía conseguiu fomentar tanto a escrita na nosa lingua nin a escrita feminina e son numerosas as escritoras que se reclaman herdeiras do seu legado. Por outra parte, foi constante o traballo para conseguir trasladar ao conxunto da poboación a imaxe da muller moderna, culta e vangardista que foi, fronte aos intentos de reducila a un estereotipo folclórico ou costumista.

O BNG presenta propostas no Pleno para a celebración do Día de Rosalía de Castro