PLENO
Navia Rivas traslada ao Pleno a necesidade dun plan de mellora de accesibilidade e mobilidade que reclama a veciñanza da Almáciga
Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2021.- A concelleira do BNG de Santiago Navia Rivas presentará unha moción no Pleno para realizar un plan de mellora da accesibilidade e mobilidade que atenda as necesidades da veciñanza da Almáciga, ademais de incluír nos Orzamentos de 2021 a creación dun espazo infantil neste barrio e de instalar paneis informativos para a divulgación de lugares de interese cultural e histórico na zona.
O grupo municipal do BNG recolleu unha serie de demandas da veciñanza do barrio da Almáciga que requiren unha actuación sobre a zona en diversos ámbitos. Segundo explicou Navia Rivas, A Almáciga é un dos poucos, se non o único, barrio compostelán que non conta cun parque infantil público. “Vista esta necesidade, a veciñanza solicita que se estude a posibilidade de instalar un espazo con xogos infantís detrás do CEIP Apóstolo Santiago, ao lado das hortas”, sinalou.
Do mesmo xeito, detéctanse diversos puntos que presentan problemas de accesibilidade para persoas con mobilidade reducida. “Ademais, existen rúas e zonas que deixan ver un claro abandono e que precisan dalgunha actuación, como é o caso da rúa do Pino”, dixo. Estas intervencións deberan incluír unha revisión do pavimento, a colocación de pasamáns, a poda de árbores ou a retirada dalgunhas que rompen muros próximos a vivendas, focos de luz, a revisión de beirarrúas perigosas pola súa deterioración debido ao paso de vehículos ou a de escaleiras que son de madeira e teñen risco de esvarar, etc.
“No relativo ao tráfico, detéctanse numerosos problemas de visibilidade en rúas como a de Touro, en que cumpriría facer unha revisión da mobilidade e dos lugares onde se permite estacionar de cara a garantir a seguranza viaria da zona, así como en rúas de dobre sentido onde non caben dous vehículos á vez, polo que teñen que subir á beirarrúa para poderen pasar”, indicou Navia Rivas.
Todo isto pon de manifesto que o barrio presenta a necesidade de que realicen actuacións encamiñadas a mellorar a mobilidade e a accesibilidade para a veciñanza, que se poden estudar en colaboración con COGAMI. Do mesmo xeito, cómpre estudar os accesos a este parque, que presentan certo perigo polas súas pendentes e pavimento deteriorado.
Promoción da Almáciga como lugar de interese histórico local
Por outra banda, resultaría de interese promocionar o parque da Almáciga como un lugar de interese tanto turístico como para o coñecemento da propia veciñanza de Santiago, co obxectivo de dar a coñecer a súa historia e os seus valores singulares. Entre outros atractivos, conta cun miradoiro e cun estanque, xunto co enclave xeográfico que representa ao conectar co parque de Bonaval.
Resultaría de interese estudar a colocación de paneis informativos sobre a historia do parque, desde a vinculación árabe que orixina o seu topónimo como lugar destinado á sementeira, como o espazo onde se desenvolveu a última batalla da Revolución Irmandiña en 1496. En 1782 instalouse un pozo da neve, en 1804 dotouse dun lazareto e tamén contou cun forte destinado a polvoreira que voou en 1836. “Estes feitos históricos son descoñecidos para unha parte da veciñanza de Santiago, así como para a inmensa maioría de persoas que nos visitan, o que lle outorgaría un atractivo máis tanto ao parque como ao barrio en xeral”, destacou Navia Rivas.
Por último, cómpre lembrar a demanda xa histórica do barrio da Almáciga relativa ao percorrido do bus urbano, xa que é un dos barrios en que na actualidade non se dispón de transporte público, o que resulta de especial urxencia xa que se trata dunha zona con numerosas pendentes e cunha poboación envellecida, que precisa de transporte para actividades tan básicas como acudir a unha cita médica.