PLENO

O BNG reclama mellorar a sinalización e seguranza viaria no acceso á Senda Mitolóxica

Coca
Coca
Traslada as queixas da dificultade para ir a pé desde o centro da cidade, para o que cómpre atravesar rotondas sen pasos de peóns
O BNG reclama mellorar a sinalización e seguranza viaria no acceso á Senda Mitolóxica

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2021.- A portavoz do BNG no Concello de Santiago, Goretti Sanmartín, traslada ao Pleno unha proposta para mellorar a sinalización, humanización e seguranza viaria no acceso a pé á Senda Mitolóxica do Viso, ante as queixas recibidas da veciñanza.

O Concello de Santiago puxo en marcha a senda mitolóxica do Viso, con 10 seres lexendarios de Galiza, deseñados e reproducidos polo creador artístico José Manuel Méndez, co obxectivo de pór en valor este espazo singular. Entre as diversas figuras alegóricas da mitoloxía galaica están Breogán, a Meiga, a Coca, A Lamia, as Mouras, os Mouros, o Nubeiro, o Tardo, o Gatipedro e os Biosbardos. A montaxe desta intervención tivo un orzamento de 18.113 euros.

Este espazo, recuperado para a veciñanza e as persoas visitantes, sitúase ao leste da cidade, a carón da AP-9 e fronte á Cidade da Cultura. Coa intervención acondicionáronse 4.700 metros de sendas peonís, plantáronse 450 frondosas e 12.000 m2 de céspede, construíronse 300 metros de muro e procedeuse ao rozado de 18 hectáreas de matogueira, así como ao apeo de 350 eucaliptos e á retirada de 100 metros cúbicos de entullos.

Logo da repercusión que tivo tanto nos medios de comunicación como nas redes sociais e entre a propia veciñanza que nestes momentos agradece a habilitación de espazos de lecer, o BNG recibiu queixas da falta de sinalización para o acceso ao inicio deste roteiro así como da dificultade para ir a pé desde o centro da cidade. Aínda que hai diversos accesos á propia senda e ao monte Viso, a intervención parte como núcleo principal dun lugar aos que se accede pola Cidade da Cultura e que está ideado para iniciar en coche. Por iso hai falta de seguranza viaria para as persoas que deciden ir a pé, o que entraña atravesar diversas estradas e rotondas que poden ter alta densidade de tráfico e que non contan con pasos elevados ou de peóns para chegar andando até o punto de partida desta senda sen ter que levar o coche particular.

Caso de se consolidar esta localización como lugar de paseo e de lecer, quizais era bo pensar nalgunha infraestrutura harmónica e respectuosa coa contorna que facilitase uns aseos públicos e un espazo de parada.

 

O BNG reclama mellorar a sinalización e seguranza viaria no acceso á Senda Mitolóxica