ELECCIÓNS
O BNG presenta o proxecto da Factoría cultural “Narf”, un espazo de lecer alternativo e creación artística para a mocidade
Inclúe 10 locais de ensaio, estudo de gravación, espazo coworking, laboratorio de experimentación musical e zona de concertos
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2019.- O Bloque Nacionalista Galego presentou, a través da candidata Goretti Sanmartín, unha das medidas estrela do programa como é a creación dunha Factoría cultural, “un equipamento relacionado coa creación cultural, pois hai moito traballado sobre a programación e difusión da actividade cultural mais é necesaria a aposta pola creación artística, para asentar as bases para o futuro”, afirmou.
Este equipamento permitirá situar Santiago de Compostela na perspectiva doutras cidades europeas como Dublín, Edinburgo, Braga ou Porto, “na liña de darlle ao tecido cultural a unión dun centro social e esa factoría de creación musical”. Para iso, propón instalar esta Factoría cultural nunha parcela municipal ao lado do Cersia, de 3.285 m2 en San Lázaro, ben comunicada, con uso dotacional e que ten como función ser un xerador de creación musical e un espazo de lecer nocturno. “Entendemos que hai unha demanda de lecer alternativo na mocidade, fronte a oferta de centros comerciais e bares, ligada á creación cultural e o Concello debe atendela”, engadiu.
Ademais dos locais de ensaio, debe ter formación para músicos/as, coaching, apoio e seguimento, conexións con programacións que dependan do Concello e un banco de instrumentos, para xerar comunidade arredor de axentes musicais da cidade “onde se poidan xuntar grupos noveis que buscan un espazo con grupos locomotora xa consolidados que sirvan de atracción para a xente nova”.
O BNG quere, deste xeito, favorecer que dese traballo de base poidan xurdir grupos profesionais que trasladen a imaxe da cidade cara fóra, incentivar a participación de mulleres para avanzar na igualdade de oportunidades no ámbito artístico e superar a fenda de xénero, ademais de facilitar conexións entre axentes da cidade para optimizar recursos e posicionar a música en todos os eidos da cultura e da vida.
Este proxecto inclúe 10 locais de ensaio convenientemente insonorizados e dotados das características técnicas que precisen, unha sala de gravación para preprodución, zona de concertos, espazo coworking para empresas musicais de management e representación, un laboratorio de experimentación musical, unha zona de lecer para compartir experiencias, cafetaría e oficinas.
“As administracións non poden deixar de cumprir o dereito básico á cultura, para o desenvolvemento persoal e colectivo”, sinalou Goretti Sanmartín. “Santiago de Compostela ten potencialidades para se converter en cidade da música e temos na historia recente persoas que simbolizan a transformación desde a base para ter un recoñecemento e traxectoria profesional no ámbito artístico moi potente, como é a figura de Fran Pérez ‘Narf’, para o que propomos que esta Factoría cultural leve o seu nome”, explicou a candidata do BNG.