VERTEDOIRO

O BNG propón abrir unha investigación polos continuos incendios no vertedoiro de Miramontes

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Os lumes poden afectarlle ao sistema de impermeabilización e provocar contaminación das aguas

O BNG propón abrir unha investigación polos continuos incendios no vertedoiro de Miramontes

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2021.-  O BNG de Santiago reclámalle ao alcalde que realice seguimento e demande ás autoridades da Xunta unha investigación polos continuos incendios no vertedoiro de Miramontes, ademais de avaliar as causas e os danos producidos que poden afectarlles ás láminas impermeabilizantes do solo e provocar a contaminación das augas e mananciais que subministran traídas veciñais.

Goretti Sanmartín sinalou que cómpre actuar de urxencia ante as frecuentes combustións no vertedoiro de Miramontes, xa que poden entrañar un grave risco para a saúde das persoas ademais do perigo ambiental que supón o desprendemento de produtos de orixe química e industrial para a calidade do aire. “Este perigo pode incrementarse coa chegada das altas temperaturas propias do verán, co que é necesario tomar en serio este problema ecolóxico para evitar consecuencias maiores no futuro”, engadiu.

Explicou que a Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago (Ferusa) leva contabilizados máis de 6 lumes producidos neste vertedoiro que requiriron a presenza de bombeiros para poder sufocalos, quen advirten de que son motivados ao crearse bolsas de gases pola acumulación de residuos que terminan provocando pequenas explosións e lapas.

Neste sentido, a Plataforma de afectados/as polo vertedoiro de Grixoa – Miramontes advertiu en numerosas ocasións da entrada de materia orgánica en cantidade moi superior á determinada no proxecto autorizado, que inicialmente era un depósito de cascallos de obras e residuos industriais non biodegradábeis para encher o oco da canteira e que foi derivando con sucesivas ampliacións de licenzas nun vertedoiro onde se acumulan residuos de moi diversa índole e procedencia. Neste sentido, cómpre lembrar que a elevada produción de gases é derivada dun exceso de materia orgánica que non se corresponde ao deseño do sistema de liberación de gases do proxecto construído en Miramontes.

De feito, o BNG xa requiriu en maio de 2020 que a Xunta e o Concello controlasen a tipoloxía e cantidade de residuos alí depositados, para adoptar medidas cautelares e de vixilancia destas instalacións ante os reiterados incumprimentos das empresas que o xestionan, pois ao recibir máis materia orgánica da autorizada, o número de chemineas de ventilación é insuficiente e provoca combustións espontáneas que desprenden compostos químicos tóxicos, contaminantes e volátiles.

A propia Plataforma de Grixoa-Miramontes rexistrara xa daquela unha denuncia ante a Fiscalía, pois estimaban a presenza dun 30% de materia orgánica fronte ao 10% que ten autorizado este complexo de residuos.

“Aproveitamos para facer un chamamento a participar na manifestación da Plataforma Casalonga o próximo domingo 13 de xuño con saída ás 12:00 da alameda de Compostela, á que tamén concorrerá o BNG”, explicou Goretti Sanmartín.

O BNG propón abrir unha investigación polos continuos incendios no vertedoiro de Miramontes