RESIDUOS
O BNG propón un cambio de emprazamento dos colectores de lixo situados á beira de edificios emblemáticos e monumentos
Como exemplo, sinala o colector de plástico verde situado na fachada de San Martiño Pinario, recentemente declarado Ben de Interese Cultural
Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2021.- O BNG de Santiago reclámalle ao Goberno local que revise coa empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo o emprazamento dos colectores de residuos, pois algúns están situados á beira de edificios emblemáticos e de monumentos da Cidade histórica.
Segundo explicou a concelleira Navia Rivas, o BNG recibiu queixas da localización de colectores de residuos que se encontran a carón de monumentos e de edificios emblemáticos da Cidade histórica, cando poderían situarse en lugares máis discretos sen afear a imaxe da contorna. Como exemplos, sinala “o colector de plástico verde situado na fachada de San Martiño Pinario, recentemente declarado Ben de Interese Cultural” ou xusto á beira da estatua de García Lorca, engadiu.
Nesta situación en que moitos dos colectores se encontran coa cuberta aberta, para evitar o contacto directo como medida de prevención da pandemia da covid-19, o feito de que estean nestas localizacións resulta un problema, agravado polos cheiros que desprenden ao depositar o lixo fóra de horario estabelecido, tanto para a veciñanza como para as persoas que transitan pola Cidade histórica e que queren contemplar certos bens patrimoniais.