O BNG propón que o Concello de Santiago colabore na acollida de persoas refuxiadas
Presentou unha moción para promover políticas de solidariedade e de cooperación internacionalista e para esixir que se respecte a soberanía e a liberdade dos pobos
Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2015.- O grupo municipal do BNG de Santiago defenderá no Pleno do vindeiro luns unha moción de urxencia para que o Concello de Santiago emprenda unha liña de colaboración para o acollemento de persoas refuxiadas co fin de promover unha política de solidariedade e de cooperación internacionalista e para reclamar que se respecte a soberanía e a liberdade dos pobos.
Na proposta de acordou requírese tamén que o Concello de Santiago inste ao Goberno galego a elaborar un Plan de acollida de persoas refuxiadas con dotación orzamentaria, ademais de lle esixir do Goberno español que mude de forma radical e urxente as políticas de blindaxe por outras de axuda e de acollida digna ás persoas refuxiadas e emigrantes, ademais de abandonar o apoio ás políticas imperialistas que están detrás destas intervencións militares.
A crise humanitaria sen precedentes dende a II Guerra Mundial que estamos a vivir ás portas de Europa, con milleiros de persoas refuxiadas e emigrantes que loitan pola supervivencia, ten unha dimensión de traxedia provocada pola rapina imperialista comandada polos Estados Unidos e os seus aliados que non dubidaron en levar a guerra, a morte, a destrución e a miseria a diversos países para alcanzaren obxectivos xeoestratéxicos e o espolio dos seus recursos naturais, particularmente o petróleo, recolle o texto da moción do BNG.
Primeiro foi Afganistán, Iraq, Curdistán, Palestina, Libia e agora é a Siria o albo do imperialismo. Os EUA, co inestimábel apoio de Israel e a colaboración de diversos estados europeos alentaron o terrorismo na Siria, incluído o chamado Estado Islámico, que agora sinalan como principal inimigo e utilizan como máis un pretexto para a súa política intervencionista na zona. As vítimas desta deshumanizada política imperialista son as poboacións civís destes países. Non pode sorprender a vaga inmensa de persoas refuxiadas fundamentalmente sirias- que escapan da guerra e de emigrantes que foxen da miseria xerada igualmente pola rapina neocolonial no Oriente próximo e en África, coa colaboración das elites locais.
Fronte á vaga de persoas refuxiadas, levántanse novos muros nunha Europa máis preocupada por blindarse e deixar fóra milleiros de persoas que en condicións infrahumanas buscan unha saída ao drama social e político que representa esta crise, que en lle buscar solución de acollemento e protección humanitaria. Para o BNG, ningunha persoa é ilegal xa que Galiza historicamente foi un pobo solidario e sufriu as consecuencias da guerra, do exilio e da emigración.