Aprobadas por unanimidade a revisión da ordenanza-mordaza e a reforma do regulamento do Pleno
O BNG defendeu mocións para recuperar o Premio Xohana Torres e pola permanencia dos servizos de emerxencias 112 e 061 en Santiago de Compostela, que tamén foron aprobadas
As mocións en defensa do sector lácteo galego e para a acollida de persoas refuxiadas foron substituídas por declaracións institucionais
Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2015.- O grupo nacionalista levou á primeira sesión plenaria deste mandato dúas proposicións, catro mocións e un rogo, ademais de diversas preguntas de control do labor municipal. Así, defendeu unha iniciativa para a revisión integral da ordenanza reguladora de actividades, instalacións e ocupacións da vía pública, coñecida como ordenanza-mordaza pola súa discrecionalidade e limitación de dereitos fundamentais, como os dereitos de reunión, de expresión e de manifestación. Aprobouse por unanimidade, cunha emenda.
Con respecto a esta ordenanza, o BNG defende mudar o sistema de depósito de fianzas para a organización de actividades, para que haxa exencións, sexa proporcionada e se devolva de oficio nun prazo máximo de 15 días transcorridos dende a celebración. Tamén é negativo o feito de que se manteñan na actualidade as autorizacións en precario, coa potestade para revogar as previamente concedidas para o uso dun espazo público. Esta ordenanza en vigor tamén prohibe a nenos e nenas xogar en rúas e prazas e limita exclusivamente esta actividade aos parques infantís, cuestión que para o BNG é necesario modificar para conseguir outro modelo de cidade. Urxe buscar unha solución definitiva ao conflito das autorizacións das conexións eléctricas nos eventos públicos, pois logo das denegacións reiteradas por parte do Concello ao abeiro desta ordenanza, moitos colectivos tiveron que recorrer aos xulgados para conseguir eses enganches de luz que permitisen desenvolver con normalidade os actos públicos programados.
Coa proposición para o cambio de regulamento do Pleno, defendida por Rubén Cela, o BNG busca gañar transparencia, favorecer a participación veciñal e mellorar o funcionamento do Concello de Santiago. En concreto, requírese crear unha comisión con presenza dos catro grupos con representación municipal para a reforma deste regulamento orgánico municipal do Pleno do Concello de Santiago aprobado en 2007, co fin de contribuír a promover a participación da veciñanza e do asociacionismo na xestión municipal, ao tempo que favoreza a democratización, axilidade e transparencia na toma de decisións, segundo recolle o texto da iniciativa. Aprobouse por unanimidade.
Goretti Sanmartín defendeu unha moción para que o Concello de Santiago recupere o Premio Xohana Torres de ensaio sobre aspectos ligados ao recoñecemento das mulleres da nosa cidade e do noso país. Mediante un rogo, reclamou facer un chamamento a todos os grupos políticos para acordar as denominacións das rúas, prazas, parques e espazos públicos de Santiago de Compostela neste mandato, coas incorporacións futuras que se consideren, para contribuír a dignificar persoas da cidade e de todo o país, e comezar por poñerlle o nome de Begoña Caamaño, xornalista e activista feminista e cultural recentemente falecida, ao parque de detrás dos Xulgados das Fontiñas.
Moción pola permanencia do 112 e do 061
O BNG defendeu instar á Xunta a manter a Central de Coordinación do 061 e do Servizo de Emerxencias do 112 en Santiago de Compostela co fin de evitar o seu traslado forzoso a un edificio da Axencia Galega de Emerxencias da Estrada. Este pretendido cambio de emprazamento dos servizos prodúcese con escurantismo e de costas a traballadores e traballadoras, como xa denunciou a xunta de persoal e colectivos da propia cidade de Santiago.
A Central de Coordinación do 061, instalada en Santiago de Compostela dende a súa entrada en funcionamento está conformada na actualidade por 250 persoas, e o Servizo de Emerxencias do 112 ten un cadro de persoal de 80 profesionais que, de producirse este traslado vai implicar un cambio de residencia e un sobrecuste que repercute nas súas condicións salariais. Así, de ser facerse efectiva esta deslocalización, reivindican que se chegue a un acordo co persoal que presta estes servizos para que se compensen as súas condicións laborais derivadas do cambio introducido.
Moción de apoio ao sector lácteo
O BNG tiña rexistrada unha moción para recadar apoio ás mobilizacións do sector lácteo que congregarán milleiros de tractores estes días en Santiago, que retirou para subscribir unha declaración institucional. Con esta iniciativa, o Concello de Santiago manifesta o seu apoio ás mobilizacións do sector lácteo que reclaman unha especial protección por parte das administracións por ter unha relación de desigualdade fronte á industria.
Ademais, aprobouse instar á Xunta e ao Goberno español para que tomen medidas que garantan a recollida do leite por parte da industria e a instauración en Galiza da figura do mediador, que vixíe de xeito directo o cumprimento e igualdade de trato dos contratos asinados entre produtor e industria, así como medidas estruturais para a viabilidade do sector, segundo recolle o texto da declaración aprobada por unanimidade.
Moción para a acollida de persoas refuxiadas
O BNG trasladou unha moción de urxencia para que o Concello de Santiago emprenda unha liña de colaboración para o acollemento de persoas refuxiadas co fin de promover unha política de solidariedade e de cooperación internacionalista e para reclamar que se respecte a soberanía e a liberdade dos pobos. Foi tamén substituída por unha declaración institucional aprobada por unanimidade.
Na proposta de acordo que propuña o BNG requiríase que o Concello de Santiago inste ao Goberno galego a elaborar un Plan de acollida de persoas refuxiadas con dotación orzamentaria, ademais de lle esixir do Goberno español que mude de forma radical e urxente as políticas de blindaxe por outras de axuda e de acollida digna ás persoas refuxiadas e emigrantes, ademais de abandonar o apoio ás políticas imperialistas que están detrás destas intervencións militares.