O BNG comprométese a facer seguimento no Congreso das partidas asignadas a Santiago nos Orzamentos
Presentou 10 emendas, que serán debatidas esta semana, relativas á mellora da seguridade viaria, saneamento, patrimonio e tren de proximidade, entre outras
Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2015.- O Bloque Nacionalista Galego rexistrou 210 emendas parciais para Galiza aos Orzamentos Xerais do Estado de 2016, das que 36 se refiren a gastos sociais e produtivos, 133 a investimentos e o resto ao articulado, por un valor superior aos 2.100 millóns de euros. Para Santiago, o BNG require unha suba de máis de 15 millóns nas emendas territorializadas, para a mellora da seguridade viaria, saneamento, patrimonio e tren de proximidade, entre outras.
A deputada do BNG no Congreso Rosana Pérez comezou a comparecencia de prensa expresando a solidariedade e o apoio ás reivindicacións dos gandeiros e gandeiras, posto que nin o Goberno da Xunta nin o Goberno do Estado tomaron as medidas necesarias para tratar de evitar os problemas gravísimos que ten o sector leiteiro.
Os orzamentos que o Goberno do Estado español quere vender como os orzamentos da consolidación e recuperación económica, mais para o BNG significan a continuidade dunha política nefasta que comezou no primeiro minuto da lexislatura de Rajoy. Acusouno así de practicar unha política de destrución social.
Sobre a conxelación das pensións, Rosana Pérez destacou que en Galiza as pensións seguen a ser das máis baixas do Estado e por iso o BNG require que a suba ten que ir á par do IPC. Sobre o recorte do 21% en materia de emprego, que supón 5.000 millóns de euros, a formación nacionalista reclamou un Plan de Emprego de 120 millóns de euros para Galiza e diversas partidas para a inserción laboral de persoas en paro de longa duración. Sobre as infraestruturas, incidiu en que se invisten máis de 800 millóns na alta velocidade en detrimento do abandono das redes interiores ferroviarias e de estradas. Ademais, sinalou que en 2013 e 2014 se deixou de investir, a respecto do consignado, entre o 30 e o 40% nas obras ferroviarias e de estradas. Con isto, prognosticamos que a chegada do AVE a Galiza en 2018, con estes prazos, investimentos e falta de execución, é materialmente imposíbel, sentenciou.
50 millóns para a creación dun Fondo Lácteo Galego
Sobre o conflito do sector lácteo, indicou que o BNG presentou unha emenda para a creación dun Fondo Lácteo Galego de 50 millóns de euros e outra para adoptar medidas extraordinarias que enfronten a baixada do prezo do leite, con outros 50 millóns de euros. Requiriu, ademais, a baixada do IVE nos produtos agrícolas e forestais para frear o encarecemento dos custes de produción.
Pola súa parte, Rubén Cela detallou as 10 emendas relativas a Santiago de Compostela que rexistrou o BNG nos Orzamentos Xerais do Estado para 2016. En canto á seguridade viaria, require un incremento de 1 millón de euros para a N-550 e N-525, 3 millóns de euros máis para a estación depuradora de augas residuais, cando están consignados 1,3 millóns para 2016 que equivalen tan só ao 4,2% do investimento total, explicou o portavoz municipal nacionalista. O BNG require tamén un incremento de 3,8 millóns de euros para o saneamento do río Sarela, unha das preocupacións vinculadas á estación depuradora.
No apartado patrimonial, o BNG solicita 1 millón de euros para acometer a segunda fase do Castelo da Rocha, necesario para continuar coa posta en valor do xacemento e coas sendas de comunicación que o vinculan ao Camiño Portugués. Outra das emendas, valorada en 1,5 millóns de euros, vai destinada a medidas de acondicionamento dos accesos do Camiño de Santiago porque o Estado fai investimentos no Camiño en diferentes puntos e aquí só se fai cargo de obras na Catedral.
Segundo indicou Rubén Cela, no PXOM hai unha reserva de solo para a estación de mercadorías da Sionlla para completar a área industrial do norte e por iso o BNG require unha dotación de 1,5 millóns de euros. Outra emenda ten a ver co impulso ao Centro de Ciencias do Patrimonio Cultural nas Brañas do Sar, con 1 millón de euros.
Ademais, o BNG require 1 millón de euros para a implantación dos servizos do tren de proximidade. Ana Pastor estaba sorprendida do récord de pasaxeiros/as que tiña o Eixo Atlántico ferroviario, que en catro meses e medio de funcionamento xa roldaba o millón de usuarios/as, manifestou Rubén Cela, sempre dixemos que era unha das liñas máis rendíbeis do Estado español e que onde se tiñan que centrar ADIF e o Ministerio de Fomento era na rede interna ferroviaria, porque o tren de cercanías en Galiza, pola dispersión poboacional e as características do noso territorio, é máis importante incluso que a alta velocidade e a conexión coa Meseta.
Outra das emendas vai destinada ao acondicionamento do campo de tiro de Bando, para evitar incendios forestais, con 300.000 euros, e outra ao mantemento da vella terminal de Lavacolla para definir os seus usos, con 1 millón de euros.
Á marxe das emendas, expresou Rubén Cela, temos o compromiso de Rosana Pérez de facerlle seguimento ás obras en execución como poden ser o túnel de Conxo, o orbital, a ampliación da AP-9 e do Polígono do Tambre, para controlar os prazos.