ORZAMENTOS
O BNG propón a creación de novas instalacións de skateboard e patinaxe
Santiago de Compostela podería ser sede de probas e campionatos que atraen moitos visitantes, así como crear unha escola deportiva de skateboard
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2016.- O grupo municipal do BNG trasladará ao vindeiro Pleno de decembro e á negociación dos Orzamentos 2017 unha iniciativa para a creación de novas instalacións de skateboard e de patinaxe, ademais do acondicionamento das situadas na praza da Constitución e no Restollal, que están nunhas condicións deficientes e supoñen un perigo para a práctica deste deporte.
Segundo explicou Rubén Cela en rolda de prensa, trátase dunha proposta en materia deportiva que o BNG, despois de reunirse coa Asociación Santiaguesa de Skaters que aglutina máis de 50 rapaces e rapazas, acordou defender para fomentar este deporte.
En Santiago de Compostela existen dúas instalacións deste tipo, unha no Restollal, do ano 2003, e outra na praza da Constitución, de 2007, “que son insuficientes, perigosas, obsoletas nos materiais de construción e presentan deficiencias considerábeis”. Así, explicou que “as ramplas son de plástico, fixéronse elementos con cemento puído que provoca máis danos nas caídas, teñen insuficiente iluminación e sofren o desgaste do paso do tempo e da chuvia”. Ademais, segundo as queixas das persoas usuarias destas instalacións é un espazo “moi reducido que non permite interactuar máis de 6 ou 7 persoas a un tempo, cando se xuntan máis de 20 para a práctica deste deporte”.
Por outra banda, debido ás deficientes instalacións, existe un problema de convivencia, porque historicamente facían skateboard na parte superior da praza que está mellor acondicionada, onde crearon un parque infantil e, ás veces, ten que acudir a Policía local para desaloxar xente que patina alí cando as pistas de abaixo están saturadas.
Esta asociación ten como referencia a cidade de Vitoria, con catro pistas de skateboard, e os últimos parques realizados nas cidades de Logroño e de Badalona. Ademais, indican que Santiago de Compostela está moi atrasada con respecto a outras cidades e vilas galegas como A Coruña, Vigo, O Grove ou Ponteareas. En inverno, esta asociación mesmo aluga un pavillón en Teo para poder desenvolver a súa actividade con regularidade.
Para Rubén Cela, cunhas boas instalacións, Santiago de Compostela podería ser sede de probas e campionatos que atraen moitos visitantes, así como ter a posibilidade de crear unha escola deportiva.
O Comité Olímpico Internacional vén de aprobar a incorporación do skateboard para os próximos Xogos Olímpicos de Tokio 2020.