MEDIDAS SOCIAIS E EMPREGO

O BNG propón crear un plan de choque para reducir a pobreza e incrementar as partidas destinadas ao fomento do emprego

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Máis de 3.000 persoas precisan axuda para a compra de alimentos e van a continuar a necesitala tras o levantamento do estado de alarma
O BNG propón crear un plan de choque para reducir a pobreza e incrementar as partidas destinadas ao fomento do emprego

Cómpre apoiar desde as administracións as empresas, cooperativas e persoas autónomas para reactivar a economía local e frear a destrución de emprego

Goretti Sanmartín propón abrir unha liña telefónica para canalizar o impacto emocional da reclusión e contribuír a manter unha actitude positiva

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, propón modificar o Orzamento municipal en canto se aprobe para crear un plan de choque destinado a reducir a pobreza e para incrementar as partidas de fomento e consolidación de emprego orientadas a empresas, cooperativas e persoas autónomas. “A Administración local ten que atender as persoas que están en situación de vulnerabilidade económica e contribuír a reducir as desigualdades sociais que se van agravar coa situación derivada da pandemia do coronavirus”, explicou Goretti Sanmartín.

En Santiago de Compostela hai 5.810 persoas inscritas no paro, 273 máis que en febreiro, segundo os últimos datos publicados pola Xunta; ás que hai que engadir as afectadas por ERTE, as que están de baixa por enfermidade e as que non figuran rexistradas porque non tiñan contrato e están en situación de vulnerabilidade económica ao non poder percibir prestación. “Cómpre apoiar desde as administracións as empresas, cooperativas e persoas autónomas para reactivar a economía local e frear a destrución de emprego, ademais de atallar a economía somerxida e a precariedade laboral”, sinalou.

Para o BNG, esta ten que ser unha das prioridades do Goberno local nos vindeiros meses, tendo en conta que 531 familias reclamaron o tique especial de compra, a axuda para mercar alimentos e produtos básicos, que afecta a 1294 persoas; 265 nenos/as reciben comida a través do servizo de comedor escolar; 235 persoas son usuarias da Cociña Económica; 300 reciben atención domiciliaria e outras 300 persoas reciben regularmente paquetes de comida. A isto hai que sumar bancos de alimentos de sindicatos que tamén están a funcionar.  “Sobre unhas 3.000 persoas precisan esa axuda e van a continuar a necesitala tras o levantamento do estado de alarma”, advertiu Goretti Sanmartín.

Coa aprobación do Orzamento municipal, o BNG defenderá que se realicen os modificativos necesarios para incrementar as partidas sociais destinadas a corrixir a situación dos fogares en risco de pobreza e con todas as persoas en paro, así como as encamiñadas á creación e consolidación de emprego. Cómpre lembrar que neste Orzamento de 2020 diminúen en 175.000 euros as políticas de fomento de emprego con respecto aos anteriores e, neste contexto, é imprescindíbel reforzar esa consignación para deter outra nova vaga de emigración ante a falta de oportunidades laborais que se pode abrir após a situación de alerta sanitaria.

Servizo telefónico con recursos psicolóxicos

Goretti Sanmartín propón tamén pór en funcionamento un servizo de atención telefónica para as persoas que precisen recursos, vivan soas ou non, co fin de canalizar psicoloxicamente o impacto emocional que supón este período de reclusión e que sirva para contribuír a manter unha actitude positiva e de tranquilidade.

Esta liña pode poñerse en marcha en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía e contar con persoal especializado que xa preparou material destinado a adolescentes, persoas coidadoras e maiores para axudar a afrontar este tempo de reclusión.

Deste xeito, compleméntase o labor que na actualidade desenvolve a Cruz Vermella de acompañamento telefónico ás persoas maiores que viven soas ás que ofrecen tamén servizos de alimentación mediante voluntariado.




 




 




 




 

O BNG propón crear un plan de choque para reducir a pobreza e incrementar as partidas destinadas ao fomento do emprego