CULTURA
Goretti Sanmartín propón destinar fondos do superávit a potenciar o sector do libro para axudar a superar a crise
Santiago de Compostela, 6 de abril de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, avanzou unha das propostas do BNG para destinar unha parte do superávit a apoiar as librarías e a industria cultural compostelán “coa compra directa de publicacións nas librarías locais para bibliotecas e centros escolares municipais desde a Administración local, ademais de organizar actividades de fomento da lectura, co fin de contribuír a paliar as consecuencias da pandemia do coronavirus”.
O obrigado peche de comercios durante o estado de alerta sanitaria ten especial incidencia nas librarías e nas editoriais e mesmo pode poñer en risco a súa continuidade desta parte do tecido cultural e da industria do libro galego.
Para evitalo, e co fin de axudar, protexer o fomentar o sector cultural, onde están en xogo moitos postos de traballo nunha cidade como Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín propón que no destino dos fondos do superávit de 6 millóns de euros, ou coas modificación orzamentarias precisas, se destine unha partida importante a cargo dos orzamentos financeiramente sustentábeis “tanto para a adquisición de publicacións nas propias librarías da cidade, como para un bono familiar de compra de libros e a realización de actividades de presentacións con escritores/as, recitais e animación de rúa pensadas desde o fomento da lectura, do teatro, da canción e das performances”.
Cúmprese, así, a finalidade de contribuír co destino deses fondos ao desenvolvemento sustentábel e á creación de valor cultural, en termos económicos e sociais, para mellorar a diversidade cultural e o benestar social en Santiago de Compostela.
Co incremento desas partidas orzamentarias pódense reactivar as librarías que, segundo datos do propio sector, poden ver diminuída a súa facturación nun 30% este ano por mor do coronavirus covid-19.
Sinalou que “é necesario reprogramar as feiras do libro previstas para maio que se cancelaron e as actividades do Día das Letras Galegas que, con alta probabilidade, se verán tamén afectadas pola alerta sanitaria”.
Cómpre lembrar que nos últimos anos pecharon en Santiago de Compostela librarías como Galí, Encontros, Toural, Abraxas, González, Fernández, Médica, Universitas, Carballo e Porto, co que se perden fontes para a difusión de coñecemento e de cultura, ademais de parte da identidade da propia cidade.
Ademais, Goretti Sanmartín reclamou que se apoie, por parte da Xunta, a publicación de libros en galego que sufriu un recorte importante. Como exemplo, en 2018 publicáronse 1.144 libros en galego fronte aos 2.070 de 2008 co BNG na Consellaría de Cultura da Xunta, segundo datos do INE.
Destacou tamén que o BNG comparte coa Asociación Galega de Editoras, coa Federación de Librarías e coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega que a canle comercializadora preferente para calquera compra con fondos da administración pública deben ser as librarías.