COMERCIO

Goretti Sanmartín insta o alcalde a negociar co sector do comercio as medidas para a reactivación da economía local

BNG
BNG
Avoga por convocar ou consultar coa Mesa Local do Comercio as propostas para o período de recuperación
Goretti Sanmartín insta o alcalde a negociar co sector do comercio as medidas para a reactivación da economía local

O BNG trasladoulle á Xunta a necesidade de bonificar o pagamento de alugueiros para pequeno comercio

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclámalle ao alcalde que negocie con representantes do comercio as medidas municipais destinadas á reactivación da economía local para atender as necesidades deste sector e afrontar as perdas motivadas pola pandemia do coronavirus.

“O BNG recibiu queixas das propostas anunciadas relativas á creación dun outlet e parece máis lóxico que esa cantidade orzamentaria e destine a outras actividades que sexan adoptadas por consenso con comerciantes e asociacións do sector”, afirmou.

Deste xeito, considera necesario pulsar a opinión da Mesa Local do Comercio, un órgano colexiado de participación, coordinación, cooperación e colaboración entre a Administración local e os axentes representativos do sector comercial, para orientar as medidas que se emprendan desde o Concello de Santiago. Neste foro hai representantes das asociacións locais de comerciantes e de asociacións de consumo, Cámara de Comercio, Mercado de Abastos, Asociación Área Empresarial do Tambre e diversas fundacións, entre outras entidades. De non poder facer unha reunión telemática, pode consultar a todas as persoas que a conforman e, cando sexa posíbel, que se reúna de xeito presencial a Mesa Local do Comercio.

Goretti Sanmartín destacou tamén que o Concello debe solicitar da Xunta, que é quen ten as competencias, que garanta a desinfección de locais e a distribución de equipos de protección individual (EPI) con máscaras, luvas e xel, entre outros. O Concello debe colaborar na súa distribución e comprometerse a exercer de interlocutor para que a Xunta cumpra a obriga de subministrar en correctas condicións, explicou.

Axudas directas de 2.000 euros e bonificar alugueiros

Ademais, o BNG xa trasladou á Xunta e ao Goberno do Estado a petición de medidas como eliminar a cota de autónomos/as durante un período inicial de 3 meses, correspondentes a marzo, abril e maio. Propón tamén unha axuda directa de 2.000 euros por parte do Executivo galego para os casos en que as persoas autónomas se visen obrigadas a pechar ou reducisen de xeito importante os seus ingresos, unha cantidade a percibir que debe ser compatíbel coas achegas do Estado.

O BNG defende bonificar o pago do alugueiro ou eliminar as cotas da hipoteca durante o período non traballado e aplicar unha quita do 50% nos tres meses seguintes á reapertura da actividade. Estas axudas deben estenderse a persoas autónomas colaboradoras.

Para o BNG tamén é fundamental reducir e simplificar os trámites burocráticos para axilizar a percepción das axudas e das liñas de crédito aprobadas, ademais de garantir con medidas de control que a liquidez inxectada á banca chegue tanto a este colectivo como ás pequenas e medianas empresas.

En materia fiscal, propón atrasar os pagos de Facenda para non ter que realizar agora nin a declaración trimestral do IVE nin do Imposto de Sociedades.

En aras de facilitar a chegada de axudas públicas, o BNG pide que poidan ser solicitadas por autónomos/as que sufran unha caída do 50% na súa facturación mensual, posto que agora é do 75%, cando en países como Dinamarca é do 30%.

Tamén advirte de que a subvención media de 660 euros é insuficiente en moitos casos mesmo para cubrir gastos básicos de alugueiro, hipotecas ou facturas de servizos.




 




 

Goretti Sanmartín insta o alcalde a negociar co sector do comercio as medidas para a reactivación da economía local