Goretti Sanmartín: “O Concello debe colaborar coa distribución de máscaras e luvas nas actividades que se reanudan a partir do luns”
Santiago de Compostela, 11 de abril de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, propón que o Concello de Santiago colabore coa distribución e supervisión de entrega de máscaras e luvas para as persoas que se reincorporen a partir deste luns ao traballo nos sectores da industria e da construción, pois é recomendábel o seu uso tanto no transporte público como en espazos de atención ao público, empresas e obras para previr a transmisión do coronavirus covid-19.
Para iso, pódese contar co voluntariado de protección civil como acontece noutros lugares, co obxectivo de garantir que haxa máscaras, luvas e equipos de protección individual nas actividades públicas que volven estar operativas para supervisar as medidas de seguranza, saúde e organización que se deben adoptar.
Outra das medidas que propón o BNG é intensificar a desinfección de espazos concorridos para frear a propagación do virus, especialmente nas contornas de farmacias, tendas de alimentación, estancos e empresas que recuperan a actividade.
Ademais, o BNG considera que se debera controlar que haxa luvas e xel desinfectante a disposición das persoas que van comprar en tendas e supermercados, xunto con papeleiras para evitar a proliferación de plásticos polas rúas, como aconteceu estas semanas pasadas polo Ensanche e pola Cidade histórica, que incluso poderían atascar os sumidoiros de continuar coa súa acumulación.
O BNG xulga irresponsábel este regreso á actividade cando o Estado non garante a protección de todas as persoas que van ter que traballar a partir do luns e mesmo resulta inconcibíbel a falta de material de protección no mercado libre. Neste sentido, o BNG reclamou que desde o Goberno do Estado se impuxese unha regularización de prezos e a rebaixa dos impostos de produtos sanitarios esenciais que serán de obrigado uso nos próximos meses para garantir a seguranza.